9 de set. de 2014

Reseña: Delirium






Delirium, é unha triloxía creada pola escritora Lauren Oliver que narra a vida de Lena, unha rapaza de 17 anos que vive no século XXI (aínda que nun ano moi posterior ao actual) cunha vida totalmente diferente a como todos imaxinábamos o futuro na Terra.
A humanidade creou unha cura para a enfermidade Deliria Nervosa de Amor (que coñecemos actualmente como amor) pois considera que é unha infección que afecta aos humanos provocándolles moitos efectos negativos. A cura, realízase aos 18 anos, pois si a persoa é operada con anterioridade hai moitas posibilidades de que saía mal. 
Ademais, todo está regulado (a música, os libros...), é o goberno quen decide a parella para cada recén operado e o número de fillos que debe ter, cada cidade está rodeada por un valado para que ninguén poida escapar (e para que non entren os Inválidos, persoas que están en contra da cura e a favor do amor e dos que o goberno nega a existencia) e, por suposto, os rapaces e rapazas non curados non poden estar xuntos na mesma habitación. 
Lena, conta os días que lle faltan para a intervención con ganas, pois o goberno promete unha vida de seguridade e felicidade despois dela, pero todo cambia cando Hana, a súa mellor amiga, vai a un concerto de música ilegal e non regulada onde Lena se reecontra con Álex, quen cambiará a súa vida para sempre e, tamén, a de toda a raza humana.

Por unha vez, non teño tan claro cal dos tres libros foi o que máis me gustou, pois o primeiro e o segunso están bastante próximos na clasificación, cando normalmente é o primeiro o meu favorito e o segundo o peor dos tres. Do primeiro libro, non me acabou de convencer o cambio brusco que se produce ao final da novela, pois o feito máis impactante do libro ocorre sen previo aviso e en moi poucas páxinas, mentres que o romance entre os dous protagonistas ocupa un maior número de páxinas. Aínda así, é moi interesante esta primeira entrada en contacto con ese mundo distópico. 

A trama é bastante máis profunda do que parece no primeiro libro, pero nótase máis e percíbese mellor no segundo libro da triloxía. Este, gustoume moito, sobre todo, por narrar o que está ocorrendo neste mesmo momento e o que pasou xusto a continuación do primeiro libro da triloxía, simultaneamente, o que facilita a comprensión, aumenta o interés e fai que a historia sexa menos monótona. E finalmente, o terceiro libro, do que destaco que se conta tanto a vida de Lena como a de Hanna (a súa amiga), o que me alegrou moito pois apetecíame, xa dende que finalizara a lectura do segundo, saber que fora desta última porque os camiños de ambas, digamos que foran en direccións totalmente opostas e que a situación de Hanna era (dependendo de como se mire) peor.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...