31 de dec. de 2015

Top 10 Peores Lecturas 2015

Por fin, pois esta é unha das entradas do meu blog que máis esperaba e que máis ganas tiña de escribir, vos traio a lista das miñas 10 Peores Lecturas do ano. Esta é un tipo de publicación que me encanta ler porque considero moi últil e rebeladora (xunto coa correspondente lista das 10 Mellores Lecturas do ano que publicarei moi proximamente). En realidade, na seguinte lista só aparecen 8 novelas, pois non lin tantos libros que me decepcionaran ou non me agradaran este ano e non quería completala con algún que simplemente non me acabara de convencer, pois aquí trátase de falar dos libros que de verdade. de verdade, che desagradaron. Por último, a orde de aparición dos mesmos non segue ningún tipo de estrutura que responda aos meus gustos, o primeiro non é o que máis ou menos me gustara, senón que aparecen por orde cronolóxica, segundo en que mes os lera. Que disfrutedes!





    



Estes dous libros contan como dous na miña lista (pois ambos me desagradaron por separado) pero falarei deles en conxunton porque foi así como os reseñei no seu momento e os factores que provocaron este sentimento son os mesmos practicamente nos dous.

Trátase do quinto e sexto libro da saga Cazadores de Sombras de Cassandra Claire, os dous últimos tomos da serie, que, como toda ela en xeral, agradaron a un numerosísimo número de persoas mentres que eu, con cada libro que pasaba, máis me ía desencantando coa historia que contaban, por varias razóns. O primeiro e segundo libro da saga, parecéronme moi orixinais, e encantoume a fantasía urbana que mostraban e como a autora facía seu este estilo e conseguía crear algo bo, pero co terceiro quedei totalmente queimada: fíxoseme eterno, aburriume e, sobre todo, fun incapaz, INCAPAZ, de soportar a estupidísima e melosa historia de amor que nun principio me encantaba entre Clary e Jace. Xa con desgana lin o cuarto, tempo máis tarde, e considéroo o mellor de todos, pois aínda me pareceu aceptable, pero coa chegada no 2015 dos dous libros cos que concluía a historia, aceptei, definitivamente, que Cazadores de Sombras non era para min e perecéronme dous dos peores libros cos que me enfrentei na miña vida, sen ningunha característica boa que destacar e que considero, sinceramente e sentíndoo moito, malos.

Como dixen, o elemento que máis me desagrada é esa relación amorosa, na que practicamente se centra a saga, e a falta de argumento que se presenta nesta de cando en vez, ademais de que nos inmensos libros que a conforman só se repite o mesmo unha e outra vez: Cassandra Claire utiliza e reutiliza as mesmas tramas trilladas mil veces sen cansarse nunca e iso é máis do que podo soportar como lectora. Todo isto sen deixar de lado a presenza de acontecementos absurdos ao longo da historia...



Este é un libro que no seu momento, ao reseñalo, definín como terrinblemente aburrido e manteño esa postura. Ao contrario que nas anteriores novelas das que falei nesta entrada, nesas outras peores lecturas, Crime en Compostela non ten o seu fallo na falta de calidade literaria, senón na densísima narración e excesiva descripción de lugares e monumentos históricos da capital galega. Trátase dunha novela de misterio (polo menos en principio) pero esta trama non é en realidade a principal e apenas se lle presta atención ata ben entrada a segunda metade da mesma e o asasinato que se investiga non conta co interés que precisaba para atraer a atención do lector nin se desenvolve da maneira adecuada, pois é simple en exceso, e conta cun final tamén sinxelo e sen practicamente investigación. En resume, un libro soporífero e repetitivo.








Juntos de Ally Condie foi unha primeira perte de triloxía distópica que lin este verán, pois tiña un argumento que me chamaba a tención, e que me decepcionou en alto grado.

Non se trata dun libro que odiase con toda a miña alma ou que considere espantoso, horrible e malísimo, pero, simple e directamente, non ten argumento e trátase co colmo da simplicidade. A narración e sinxelísima, os personaxes planos planísimos, a sociedade distópica sen acabar de definirse e sen desenvolverse completamente e apenas ocorre nada coa excepción da evolución dos sentimentos e relación de Ky e Cassia. Non me aburrín lendo este libro e non podo dicir que o odiase (de feito cando o lin e como reflexo na súa reseña non me desagradou demasiado nin o critiquei en exceso) pero co paso do tempo madurei a idea que tiña sobre el e dinme conta de que non se trata dunha novela demasiado boa que digamos, como xa ao rematala sabía e xa dixera na publicación sobre ela, e que non me aportou nada: a miña vida como lectora seguiría igual si non tivese coñecido nunca a existencia deste libro e foi unha perda de tempo rematalo e, seguro segurísimo, non seguirei lendo a triloxía.








En realidade, Si decido quedarme (reseña) non foi unha mlísima e horrible lectura en si, senón que se tratou dunha grandísima decepción e un impacto, pois eu estaba convencida de que me ía a encantar e que ata podía chegar a ser unha das miñas novelas preferidas, polo que foi aínda peor. O plantexamento do argumento da novela en si mesmo está ben, é interesante e relativamente novedoso, pero a forma de executalo da autora non foi a mellor, pois pareceume un libro moi sinxelo, sen apenas reflexións e para nada tan profundo como se presenta e se di. 

Pareceume un libro do máis común, sen esa sensibilidade que tanto se destaca da novela e con moitos puntos negativos. En primeiro lugar, a decisión da protagonista sobre se debe quedarse no mundo ou morrer tras o tráxico accidente que a deixou en coma, que debería ser o eixe principal sobre o cal xirara toda a historia, está moi collido por pinzas, e apenas existe, o que fai que a trama principal se desdibuxe e apenas sepamos cal é en realidade. Ademais, os seus argumentos para quedarse, son realmente estúpidos e, en resume, o único que lle importa para de verdade facelo, é a relación amorosa co seu noivo, polo que a maior parte da curtísima novela se basa en recordar momentos con el. Isto en sí non é algo negativo (a introducción destas memorias foi o único que realmente me convenceu da novela) pero botei en falta moito máis, a existencia dunha narración dunha historia emotiva e reflexiva que me convencese no presente, non só a intercalación de recordos un detrás do outro. A gran capacidade da autora para fiar estes recordos de forma decuada non soubo manterse na creación dun final e conclusión da novela no que a protagonista decide demasiado rápido, en catro frases e sen darche tempo a paladear o ocorrido. 

En resume, unha idea moi boa pero mal executada, demasiado rápido e sen conseguir que me emocionase ou sentise ningún tipo de sentimento.





Unha das peores lecturas do ano sen dúbida algunha. Hyde (reseña) de David Lozano é outro libro que promete moito e non sabe cumprilo. Cunha trama intrigante e a promesa de ser un thriller apasionante, semella ser unha gran novela, pero, para min, o autor non soubo aproveitalo.

O primeiro que non me agradou da novela é a presenza dunha inmensísima cantidade de violencia e brutalidade inxustificadas e innecesarias, polo menos ata eses extremos. En teoría, dase unha explicación na novela, ten unha razón de si, pero para min non foi nada creíble e nin suficiente. Se esa violencia aportara algo ao misterio da novela non me importaría, pero non é necesaria nin o mellora. Este é outro aspecto a mellorar: o misterio non é nada misterioso. A intriga non está presente por ningún lado, pois non hai sutiles elementos na narración que che enganchen e interesen, senón que o autor vai directo ao gran con asasinatos varios e pouca intención (ou polo menos nulo resultado) de desacougar e aterrar ao lector. Mal.

Os personaxes: planos e nada interesantes. Moi comúns e nada peculiares e particulares. 

O final foi, para min, terriblemente previsible, aínda que con sentido, sen estar collido por pinzas en exceso e bastante aceptable, pero eso non mellora a novela ata o punto de deixar de ser, para min, insoportable. Unhas das peores lecturas do 2015 dentro da lista das peores lecturas.






Deste libro si que podo dicir que foi o peor do ano con diferencia, cunha diferenza abismal. Xa pronosticaba na súa reseña que ía a ocupar un hoco nesta lista e así é. Ao feito de que se trata dun libro malísimo (e isto non é algo que eu adoite dicir dun libro, pero neste caso estou convencidísima de que así é e debía deixalo claro) súmase a gran impresión que me causou, dado que a primeira parte da triloxía á cal pertence El último corazón  me encantou, mentres que descubrín nesta segunda parte un libro malísimo. 

Enumerar todas aquelas cousas que non me gustaron da novela é terriblemente complicado, pois son moitas. En primeiro lugar, o autor cambia dende o principio do libro todos aqueles puntos fixos que tiñamos claros dende a primeira entrega da triloxía, pero de forma desordenada e sen responder a ningún tipo de razón. Ademais, Theo Lawrence cambia ata a maneira de narrar e de plantexar a historia que coñecíamos da primeira parte de Mystic City. 

Ademais, a novela perde auga por mil outros puntos: un argumento débil, sen sentido e nin avance da historia que non se presenta ata máis adiante da metade do libro, deixando atrás demasiadas páxinas de palla, sen ningún tipo de sentido; a protagonista, Aria, vólvese tonta de repente, levando a cabo mil actuacións sen lóxica nin explicación e decidindo buscar o corazón da súa criada sen ningunha razón aparente (tendo que ser salvada por diferentes personaxes masculinos durante toda a historia, sen saber valerse por ela mesma, o cal me bota moito para atrás) e Theo Lawrence cambia por completo ao protagonista masculino, facendo que a única relación entre o Hunter do primeiro libro e o deste só teñan o nome en común. E como estes outros centos de puntos negativos máis, sen ningún positivo que os compense. Un mal libro, probablemente o peor que lin xamais, e non comprendo como foi publicado.







Este libro representou unha gran decepción, pois confiaba plenamente en que a prosa de David Levithan (a quen tiña moitas ganas de ler) me gustaría, e en realidade non. Non creo que Levithan non me guste en xeral, senón que confió e estou convencida de que foi esta novela en concreto a que non estaba á altura do que adoita escribir. 

Ao comezo da novela, parecía que me estaba gustando, pois era un libro ameno e sinxelo (o que buscaba nese momento en concreto porque non tiña demasiado tempo para ler durante esas semanas) pero pensei que ía evolucionar e que a trama collería forma nalgún momento, cando non foi así. Non é que sea un libro horripilante e malísimo, pero non é nada especial, é demasiado simple e apenas ocorre nada. 

A base principal do argumento é o instalove entre os protagonistas, e isto é algo que non me acaba de gustar, (porque o instalove en si non é un recurso demasiado bo, literariamente falando, e a min en concreto non me gusta nada) porque non está o suficientemente ben levado como para interesar e salvar a novela. Ademais, a relación amorosa é excesivamente repetitiva, acaramelada e aburrida, semellante á de Clary e Jace de Cazadores de Sombras da que falei nesta mesma lista, e conseguiu chegar a cansarme en moi poucos capítulos.

A estrutura do libro, está formada por capítulos extremadamente breves, cada un deles representando un día na vida de A. Esta idea, nun principio orixinal e con capacidade de volver a historia amena, chegou a cansarme arredor da metade do libro, ata un punto insoportable.


28 de dec. de 2015

Reseña: La ladrona de libros



Por fin, por fin, por fin vos traio a reseña da novela La ladrona de libros, que comecei cara finais de Novembro e que me levou un mes enteiro ler.

 A verdade é que me agobiei bastante cos lectura desta novela, pois non daba avanzado e parecía que xamais a ía a acabar. Esto debíase, principalmente, ao bloqueo lector que sufría durante os meses pasados que me impedía atopar unha lectura que me agradara e que provocaba que non fose capaz de ler case ningún libro enteiro sen ganas de abandonalo. Considero que La ladrona de libros foi unha mala elección tendo en conta o momento no que a lin, e creo que o feito de que non se trataba dunha boa época lectora para min puido influír na miña opinión sobre a novela. Aínda así, a pesar de que foi unha lectura que ao principio se me fixo bastante densa, gustoume, se ben esperaba que o fixese bastante máis.

Trátase dun libro que se desenvolve durante a Segunda Guerra Mundial, na Alemaña nazi, e no que a morte nos narra a vida de Liesel, unha nena que sente un gran amor pola lectura e sofre de primeira man o horror da guerra.

En primeiro lugar, debo dicir que non sabía moito sobre a trama do libro, pois na sinopse non podemos atopar demasiada información. Alégrome bastante deste feito, pois creo que desta maneira o lector pode disfrutar máis da novela e sorprenderse do rumbo que toma, pero no meu caso fixo que me sentise un pouco desconcertada ao comezala. Eu estaba convencida de que o eixe principal da novela ía ser a guerra, é dicir, non pensaba que se ía tratar este tema en exclusiva, deixando de lado todos os demais (era consciente do gran papel que a lectura tiña neste libro) pero si comecei a ler a historia coa idea de que esta pasión polos libros da protagonista se ía ver condicionada pola guerra e que durante toda a novela se nos ía a estar contando o ambiente político de Alemaña, cando, en realidade, se non temos en conta a trama de Max na historia, a guerra non ten demasiada importancia e, aínda que si se ve condicionada por esta a vida de Liesel de forma inevitable e moi importante, a narración non se centra nela tanto como imaxinaba e non podemos pensar en La ladrona de libros como nun libro sobre a Segunda Guerra Mundial nin a vida nese momento histórico.

Como dicía, o factor principal da novela é a pasión pola lectura, pero tampouco sinto que sexa o único tema do libro, tamén se centra na vida dos alemán durante o réxime nazi e noutros centos de cousas, polo que non sei exactamente de que maneira pensar neste libro. Eu definiríao como unha especie de narración da vida de Liesel, simplemente, na que aparecen a guerra e a lectura porque son acontecementos desta, pero na que tampouco teñen esa importancia que nun principio, por como se che presentan, imaxinas. Trátase dun libro bastante especial e difícil de categorizar.

Centrándose na historia en sei, direi que non soubo conquistarme. Si que foi un libro que considero de calidade, ben narrado e cun argumento e historia que o autor Markus Zusak sabe tratar, pero simplemente non é para min. Tiña a idea de que me ía a emocionar moito, que choraría con el a mares, pero non foi así pois, aínda que non puiden evitar soltar algunha lagrimiña no final e nese momento con Max entre outros puntos tristes da historia, ao non centrarse nos horrores da guerra dunha maneira directa, non hai moitas partes da novela nas que poidas emocionarte ou entristecerte. Non me entendades mal, si que se ve dunha maneira clara as penurias e as horribles situacións que os cidadáns alemáns viviron nese momento do século XX, pero o narrador pasa moi por encima e non se che contan dunha menira que provoque a suficiente lástima en ti como para chorar. O ambiente durante todo o libro e triste e deprimente pero non hasta ese grado.

Os personaxes, en cambio, parecéronme marabillosos e moi moi traballados. Non son personaxes planos e perfectos, senón que teén defectos e virtudes que se aprecian claramente, pois as personalidades de todos eles refléxanse moi ben por parte do autor, que consegue que odies e te encariñes con eles e que, realmente, chegues a coñecelos. Chegarás a simpatizar con Hans e Max e sentir lástima e pena verdadeiras por este último ata límites insospeitados e, aínda que ao principio o dudes, tamén te encariñarás con Rosa. Sen dúbida, os personaxes de La ladrona de libros son unha moi boa razón para emprender a lectura desta novela.

En realidade, non sei moi ben o que sinto cara este libro, pois si ben moitas das partes del me encantaron, sobre todo pasada a demaiado longa introducción, outras deixáronme bastante indiferente e non me apasionaron. Por desgracia, ao remate da lectura sentinme como no seu comezo, sen cambio ningún, e aínda que si me gustou, sen unha opinión de todo formada sobre ela. Creo que esto se debe ao momento no que lin esta novela, e lamento moito que isto influíse na miña percepción da mesma, aínda que, quizais, La ladrona de libros non está escrito para min de todas maneiras.

Recomendo en certo grado a súa lectura, pero, definitivamente, a min,  non acabou de convencerme.

13 de dec. de 2015

5 libros que ler en Nadal




Despois de moitísimo tempo (seino), traiovos un post recomendando libros, en concreto recomendando aqueles que considero que son ideais para ler nestas festas navideñas que tanto me gustan. Non todos se desenvolven durante estas datas, pero a pesar diso, por unha ou outra razón, creo que son perfectamente adecuados para esta época do ano. Comezamos:



1. El cuento número trece.




Esta novela (reseña) paréceme perfecta para ler en Nadal, de feito creo que, de toda esta lista é a máis adecuada, aínda qu non sei, realmente, dicir porqué. Simplemente, cando eu a comecei, en xuño deste ano, gustoume moitísimo e pareceume marabillosa, converténdose aos poucos capítulos nunha das miñas preferidas, pero recordo que pensei que aínda tería disfrutado máis este libro se o lese nun día frío de Decembro.

Conta a historia dunha célebre escritora, xa maior, e o gran mistero da súa carreira: cal é e onde está o terceiro conto do seu popular libro El cuento número trece, no que o lector só pode ler doce relatos. Por pimeira vez na súa vida, Vida Winter contará a súa verdadeira historia, misteriosa e diferente, que nos saberemos da man da súa biógrafa.

É unha historia cálida, bonita, que se desenvolve no pasado e resulta moi agradable.


2. Harry Potter.



Se a estas alturas, despois do gran boom que tivo, aínda non lle deches unha oportunidade á célebre saga de JK Rowling, esta é a túa oportunidade, pois parécenme unha das mellores eleccións para ler en Nadal, que transmite tranquilidade e calidez e coa que non podes equivocarte.

Se, coma min, xa eres un veterano no mundo de Hogwarts e dos magos e xa leches unha e outra vez cada un dos libros da saga, estas vacacións son a mellor ocasión para relela unha vez máis, porque Harry Potter nunca aburre, e nn hai nada mellor que facelo varias veces. Eu mesma, estou volvendo a ler a saga, e aprobeitarei estas semanas que se aproximan para comezar coa terceira parte, Harry Potter y el prisionero de Azkaban.


3. Las ventajas de ser un marginado.



(Reseña) Si, é terriblemente estraño que recomende este libro que tanto me gusta e que considero o meu (autoconclusivo) favorito. Pero non podo evitalo, simplemente porque é ideal para estas datas e, en certa parta, a acción ocorre en Nadal. Ademais, paréceme que co plagado de emoción e sentimentos que está cada páxina, pega moito co espíritu navideño e coas películas que se ven nestas datas. De feito, tamén vos recomendo moitísimo para ver este Nadal, a adaptación cinematográfica da novela.


4. El asesinato de Roger Ackroyd.





Non pode faltar entre as nosas lecturas navideñas un bo libro de misterio e intriga, que nos atrape dende o principio ata o fin, e como a  deste xénero é a miña amada Agatha Christie, creo que debe ser unha das súas novelas.

Podedes elixir calquera, porque ten decenas delas publicadas, pero eu vouvos recomendar unha en especial, a miña preferida, que forma parte do Top 5 de libros de Agatha Christie que publiquei hai uns meses: La muerte de Roger Ackroyd. Esta foi a primeira que lin e a que máis me sorprendeu, polo inesperadísimo final, que non se lle pasa xamais ao lector pola mente. Ten tamén película, pero non é, nin de lonxe, tan boa como o libro e non vola recomendo demasiado.

Esta novela comeza co suicidio da señora Ferrars que, tras anos sendo vítima da chantaxe dun individuo anónimo que descubrira que ela asasinara ao seu marido, decide quitarse a vida, deixando tras de si unha carta na que figura o nome do extorsionador que entrega ao home que ela amaba, Roger Ackroyd. Pero este é asasinado antes de descubrir a identidade do extorsionador e será tarefa do detective belga Hercules Poirot e o seu gran amigo Hastings esclarecer o acontecido e descubrir dunha vez por todas ao culpable.



5. Y por eso rompimos.






Intentei recomendar cinco lecturas adecuadas para o Nadal pero tamén diferentes entre si, para todos os gustos, así que a última delas será unha novela contemporánea diferente ás demais e formada por uha especie de relatos ou capítulos ou mestura de ambos que lin moi recentamente e que me encantou. Y por eso rompimos é un libro terriblemente adecuado para esta época, porque é lixeiro pero non simple e transmite sensacións que creo que son adecuadas para estas vacacións aínda que non ocorra a historia no inverno. É unha historia triste e alegre ao mesmo tempo e que non se parece nada á idea preconcebida que se ten del, pois pola súa trama semella unha historia romántica e pastelosa máis, e nada que ver coa realidade.

Y por eso rompimos é a historia da parella formada por Min e Ed e de como esta finalizou, as razóns polas que romperon, narradas en forma de pequenos relatos. Min é a narradora da novela, que vai camiño da casa de Ed para devolverlle unha caixa con moitos recordos dos seus tempos xuntos, que vai sacando un a un, e escribindo nunha carta para el a historia do obxecto en cuestión e a súa relación con algunha das razóns polas que romperon.



29 de nov. de 2015

Mellor lectura do mes #4: Novembro 2015



A elección da mellor lectura do mes non foi demasiado difícil nesta ocasión, por dúas sinxelas razóns: en primeiro lugar, El guardián entre el centeno, elixido como preferido, foi unha novela que me encantou e apasionou e en segundo lugar, nos últimos trinta días non levei a cabo moitas lecturas que digamos, pois estiven moi ocupada e apenas puiden ler e, ademais, creo que estou pasando por un bloqueo lector, que fai que non me acabe de gustar ningún libro e que teña ganas de abandonalos, polo que tardo moitísimo en acabar algún. 

En resume, só lin un libro, relín outro e comecei para logo abandonar un terceiro: El guardían entre el centeno, Harry Potter y la cámara secreta e La reina roja, respectivamente. Creo que tratarei de continuar con este último, pois tivo moitas e moi boas críticas e, aínda que a min me pareceu aburrido en exceso, pode que sexa por culpa do bloqueo lector, pero dende logo non o vou facer proximamente.

Como xa dixen na súa reseña, El guardián entre el centeno, foi unha novela que me encantou, pois reunía todos os puntos que me gusta atopar nas miñas lecturas e cos que todos os meus libros preferidos contan. Trátase dunha novela reflexiva, realista, na que o protagonista nos conta todos aqueles pensamentos e medos que el ten e que é realmente entrertida. Atrápache rapidamente e non podes evitar sentir cariño polo seu protagonista. Ademais, recordoume moitísimo ao meu libro preferido de todos os tempos Las ventajas de ser un marginado, pois ambos seguen unha mesma liña, como xa comentei na entrada anterior e na propia reseña da novela de JD Salinger pois, como recentemente descubrín, Stephen Chsbosky durante a súa etapa no instituto estivo moi apegado a El guardián entre el centeno e, en certo modo, basouse neste para crear a Charlie.

En resume, un libro xenial e recomendadísimo que se atopa enre as mellores lecturas do ano.

22 de nov. de 2015

Se che gustou... Gustarache... (1ª Parte)

Facía realmente moito tempo que vos quería traer este post, porque se trata dunha forma de recomendar libros que me encanta ler, ver e escribir e que me parece realmente útil. Consiste en atopar semellanzas entre libros, de maneira que se che gustou un, tes moitas posibilidades de disfrutar co outro. Alá imos!


1. Se che gustou a triloxía Delirium de Lauren Oliver, gustarache a saga Traición de Scott Westerfield.





A saga Delirium ésta formada por tres libros de temática distópica moi coñecidos, escritos por unha autora tamén moi famosa e recoñecida, mentres que a saga Dos feos ou saga Traición, de Scott Westerfield, desapareceu por completo do mundo da literatura xuvenil despois de certo éxito no momento da súa publicación.

Creo que se trata de dúas sagas moi semellantes en varios aspectos, polo que se che gustou unha delas a outra tamén o fará. En primeiro lugar, ambas se desenrolan nun futuro distópico e nunha sociedade moi controlada e bastante superficial. En ambas sagas hai unha operación cirúrxica que cobra un papel moi importante e que marcará un cambio na súa vida, así como un grupo de rebeldes cos que a protagonista terá certa relación, polo que a trama dos dous libros vai nesa dirección e as personalidades das protagonistas son moi semellantes, ambas senten o mesmo en situacións semellantes e actúan da mesma maneira, marcadas polos mesmos valores.

En definitiva, se che gustou a triloxía Delirium, deberías probar a saga Traición e viceversa.



2. Se che gustou Las ventajas de ser un marginado de Stephen Chbosky, gustarache El guardián entre el centeno, de J.D Salinger.




                        



Estas dúas novelas son moi especiais para min e forman parte do grupo dos meus libros preferidos, pois ambas teñen unha trama que segue a liña que me gusta: son reflexivas e teñen unha temática moi semellante, nas que se fala sobre un personaxe marxinado pola sociedade e moi moi especial. Se che gustan os libros profundos e realistas, con certas reflexións, e algunhas tramas deprimentes e algo duras, e tamén cunha evolución do protagonista, considero que calquera destas novelas é ideal para ti.

 Se disfrutaches con Las ventajas de ser un marginado debes probar El guardián entre el centeno, e viceversa, pois, aínda que a narración e a escritura por parte dos autores e diferente, con tan só algunha semellanza, o argumento, o tema, é bastante parecido, así como a forma de pensar de Charlie e Holden. Non teñen historias que se basen no mesmo nin xiran ao redor dos mesmos eixes e tramas, pero creo que o lector dunha pode ser perfectamente lector da outra.



3. Se che gustou a triloxía de Los Juegos del Hambre de Suzzane Collinsgustarache a triloxía  Amanecer Rojo de Pierce Brown.


                          

                                   


Se eres un lector habitual de literatura xuvenil é case imposible que non leras a famosísima triloxía de Los juegos del hambre de Suzzane Collins. Trátase dunha distopía que considero moi boa, cun mundo perfectamente creado pola autora e imaxinado por ela ata o milímetro, non hai ningún elemento collido por pinzas. Cando eu lera a triloxía, alá polo 2012, recordo que me apasionara e que non puidera deixar de ler nin un só segundo ata finalizar os libros debido á intriga que en certa maneira existe na novela, esa necesidade de saber que ocorrerá coa protagonista. 


Nesta triloxía hai un mundo moi dividido en clases sociais, aínda que non se trata exactamente desta separación que coñecemos, senón que todos os poderosos con alto nivel económico están agrupados nun distrito mentres que os demais, máis pobres canto maior é o número do distrito, viven na meseria sen ter sequera que comer. En Amanecer Rojo, outra das miñas distopías favoritas, ocorre algo parecido: tamén hai varios grupos sociais distintos, pero esta vez separados por cores. Cada unha delas ten unha ocupación na sociedade, pero todas elas están sometidas aos dourados, que dirixen o mundo. En ambas triloxías un membro da clase máis baixa intentará vencer eses límites da sociedade e chegar ao máis alto. Ademais, nas dúas sagas existe unha competición, moi violenta, cuxo resultado marcará a vida do protagonista e o destino da sociedade.

Aínda que as historias toman camiños diferentes e quizais Amanecer Rojo é algo máis dura que Los Juegos del Hambre, seguen unha liña con certos puntos en común e ambas tratan certos temas, polo que creo que se che gustou unha delas, disfrutarás o mesmo ou incluso máis da outra.




4. Se che gustou Ciudades de Papel de John Green, gustarache La casa 758 de Katheryn Berla.






Se che gustou moitísimo, coma a min, Ciudades de Papel, gustarache La casa 758; pero non só se che gustou este, senón se disfrutaches con todos ou algún dos libros do marabilloso John Green , pasarás un bo rato coa novela de Kathryn Berla, pois teñen moitos e ningún puntos en común.

Basicamente, o único que relaciona a todas estas novelas é a temática e a forma de ser narradas, que tamén teñen en común todas as publicación do selo Nube de Tinta (que me encanta): búscase a reflexión por parte do lector mediante a reflexión do personaxe principal e as historias que se tratan son emotivas, tristes e diferentes. Os personaxes teñen algún tipo de problema que os diferenza das demais persoas da súa idade e que os marcará de por vida. 

Tamén a prosa dos autores ten certos puntos en común, é unha narración pausada pero amena que che deixa empaparte dos senyimentos narrados e que te introduzas na historia con facilidade, disfrutando cada palabra.

Aínda que John Green sempre primará no meu corazón, creo que se eres un dos seus lectores habituais, debes intentalo con La casa 758, porque a min tamén me gustou moito e creo que che sorprenderá.

12 de nov. de 2015

Reseña: El guardián entre el centeno



El guardián entre el centeno é unha novela moi importante e coñecida, con certa polémica por ser a último libro que o asasino de John Lennon comprara, e que levaba moitísimo tempo esperando no meu ebook a que eu o lese.

Conta a historia de Holden, un adolescente que estuda nun internado do que é expulsado por ter aprobado só dúas asignaturas. El decidirá pasar os tres días que lle quedan ata ter que regresar á casa en Nova York, para divertirse antes da reprimenda de seus pais, xa acostumados ás expulsións do fillo. Alí el vivirá varias situacións e reflexionará sobre todos aqueles feitos que o preocupan.

Foi unha novela que me transmitiu boas vibracións dende a primeira páxina, pola maneira de narrar souben que me ía a enganchar e a entreter, e que me ían encantar as reflexións que o protagonista leva a cabo. 
A prosa de Salinger é marabillosa, e recordame en certo modo á de John Green, o meu escritor preferido, nese ritmo lento e á vez nada pesado, e en certos aspectos que non sei explicar. Trátase dunha novela que se le de forma amena, pero que á vez non é nada sinxela, senón cun argumento complexo e moi bo.

En canto ao argumento, tamén me recorda a algo, neste caso Holden paréceseme a Charlie, protagonista do meu libro favorito Las ventajas de ser un marginado: Ambos son distintos ao resto, reflexionan moito, danlle voltas a milleiros de aspectos que ao resto dos rapaces da súa idade non lle dan importancia, e sofren e pásano mal por certo asuntiño do seu pasado. En conclusión, que esta novela ten unha trama moi na miña liña e unha narración marabillosa e moi adecuada para o argumento.

As reflexións de Holden son moi profundas, el rexeita a falsedade da xente, moitas veces impulsada pola sociedade e ben vista, así como outros tantos aspectos. É unha persoa que lle da mil voltas ás cousas polo que ao longo das páxinas vemos claras referencias a reflexións anteriores, creándonos nós mesmos desta maneira unha clara imaxe de Holden. 

O único (coma sempre) que quizais non me acabou de gustar, foi o final. Non é que me desgustase, non foi así para nada, senón que o autor deixou moitos cabos soltos e todo no aire. Os feitos que se di que ocorreron dende o fin da novela ata o presente, cando Holden conta a historia, son raros e nada concretos. Aínda así, non me desgustou.

En conclusión, unha novela marabillosa, que consegue que te deixes levar pola lectura e que simpatices co protagonista. Simplemente, un libro xenial con unha prosa tamén marabillosa.

4 de nov. de 2015

Mellor lectura do mes #3: Outubro 2015



Unha vez máis traio este post no que elixo a mellor lectura do mes, que nest ocasión non foi excesivamente complicado pois o mes de Outubro non foi nada productivo en canto a lecturas debido ao comezo do curso e ás lecturas obrigatorias que tiven que levar a cabo, que provocaron que apenas puidese ler algún libro pola miña conta. Ao final, lin un total de 5 libros (moi poucos para o que acostumo ler nun mes): Y por eso rompimos, Navidades trágicas, Cada día, Marianela e A esmorga (todos reseñados xa, coa excepción do último).

Co que máis disfrutei e máis me sorprendeu positivamente foi o primeiro deles, Y por eso rompimos, novela da cal xa falei moi ben na súa reseña.

Trátase dun libro moi moi especial, pois está narrado a base dunha especie de relatos curtos, cada un dos cales é unha razón pola cal a parella protagonista se separou e esta basado nun obxecto. Isto pareceume asombrosamente orixinal e consigue, ademais, que a lectura sexa máis lixeira, sinxela e entretida. A verdade é que o máis importante non é a trama, que pasa a un segundo plano, senón a relación do obxecto coa ruptura e o deixarse levar pola historia.

Simplemente, esta composición a base de relatos curtos, narración en forma de carta, a prosa peculiar do autor, a historia tan especial e diferente e eses preciosos debuxos ao comezo de cada capítulo, dan lugar a unha marabillosa lectura.

31 de out. de 2015

Book Tag #7: Familia Addams



Estamos en Halloween, polo que quería publicar un Book Tag con esta temática pero, a verdade, ningún me gustaba demasiado ata que vin este marabilloso cuestionario sobre a familia Addams, protagonista dunhas fantásticas e divertidísimas películas que me encantan. Só existía na rede en inglés, polo que tiven que traducilo eu mesma:


1. Morticia Addams, a nai bruxa. Cal é a túa bruxa preferida dun libro?



Non se trata dunha bruxa en particular, senón de todo o pobo das feiticeiras da triloxía da "Materia Escura", cuxo primeiro libro sabedes que me encantou mentres que me aburrín enormemente coa segunda parte. O que me gusta das bruxas desta triloxía, é a orixinal forma na que están enfocadas. Non se trata para nada das típicas meigas malas que voan en escoba e fan feitizos, senón que son personaxes afables que viven de maneira relativamente semellante á nosa e que tamén conta cun daemonion. Hai que ler as novelas para descubrir e entender este novo e diferente mundo...


2. Gomez Addams, un pai cariñoso. Cal é o teu pai de ficción preferido?




A verdade, tampouco é que me parara a pensar neste aspecto nunca, pero se teño que elixir supoño que serían os pais de Hazel de Bajo la misma estrella de John Green, porque a coidan moitísimo e resisten a dura vida da filla sen queixa nin un só momento de fraqueza , apoiándoa dende o principio e animándoa, intentando facela feliz.


3. Tío Fétido pode xerar electricidade. Que libro che "encende" tanto (enténdase como que che encanta) que non podes deixar de falar del con todo o mundo durante días?


Pode que teña unha obsesión con esta saga... De vez en cando éntranme unhas ganas inmensas e repentinas de ler Harry Potter e de ver as súas películas e non podo evitar facer un maratón desta saga e non deixar de falar do tema e de compartir as miñas emocións durante días con aquel co que me cruce. O certo é que adoito emocionarme en exceso...


4. Miércoles Addams está obsesionada coa morte. Si puideses matar a algún personaxe de libro, cal sería?



Vale, ao principio Ali aínda me caía algo ben e parecíame divertida pero a medida que pasan os libros vaise cambiando esa idea que se ten dela e o lector descobre que é mala, mala malísima e inmensamente cruel. Non quero spoilear a ninguén, pero só vou a dicir que se vans descubrindo actos que levou a cabo que son máis que cuestionables.


5. Pugsley Addams ten unha natureza traviesa e sempre planea bromas (moi) pesadas para todos. Cal é o teu villano de libro favorito?




Non me gusta nada ter que repetir saga no mesmo Book Tag, pero a miña malvada preferida de todos os tempos é Bellatrix Lestrange de Harry Potter, polo que non podo dicir outro libro no seu lugar. Está marabillosamente ben creada, sendo terriblemente extravagante e provocando que me guste e a odie (moitísimo) ao mesmo tempo.


6. Lurch é un personaxe basado en Frankenstein e nun zombie. Cal é a tua adaptación preferida dunha historia?

  



Supoño que a pregunta se refire a unha adaptación cinematográfica, temática que trato nunha sección do meu blog. Hai dúas películas basadas en novelas que me gustan especialmente, En llamas, segunda parte de Los Juegos del Hambre, e Las ventajas de ser un marginado, basado nun libro do mesmo nome (para ver a miña opinión sobre este película fai clic aquí) pois ambas captan á perfección o que o autor quixo expresar na novela e están marabillosamente ben dirixidas.


7. Eudora "avoa" Addams, unha bruxa á vella usanza. Cal é o teu libro clásico de terror favorito?



Trátase de Drácula, unha novela moi coñecida de terror que me sorprendeu moito cando a lin, hai uns anos, polas notables variacións entre a historia orixinal e a que popularmente coñecemos. Ademais, é unha historia moi intrigante (creo recordar) que che ten en vilo durante todas as súas páxinas, querendo saber cal será a sorte que correrá o protagonista.



27 de out. de 2015

Reseña: Cada día




Cada día é un libro de David Levithan, autor xuvenil moi valorado en Estados Unidos e bastante coñecido en España, e o primeiro que leo del. A verdade, é que tiña ganas de ler unha novela deste autor, porque Will Grayson, Will Grayson, novela a dúas mans entre el e o meu amado John Green, encantárame, pero agora quería comprobar se había algunha diferenza con respecto a un libro 100% seu. Decidín que este fose Cada día por ter un argumento moi interesante e orixinal, a pesar de que vira que non era dos máis valorados de Levithan, pero creo que me equivoquei ao facelo, pois, a verdade, é que me desgustou e aburriu bastante.

Cada día conta a historia de A, unha persoa que desperta cada día nun corpo diferente, home ou muller, polo que non ten un sexo definido nin unha familia ou vida propias. Isto tráelle moitos problemas, sobre todo á hora de encariñarse dalgunha persoa...

Ao principio tiña unha idea e impresión positiva desta novela, porque era moi dinámica e amena, con capítulos cortiños (maioritariamente) e nos que apenas se entraba en detallles, é dicir, o autor ía directo ao gran. Ademais, ao comezo era moi novedoso e interesante que en cada un dos capítulos se nos contase un día e, polo tanto, a vida dalgunha persoa concreta, pero pronto pasou a facerse soporífero e pesado. Esta maneira de distribuír os sucesos pasou de entretida a repetitiva nun sopro.

Pasando xa á trama do libro, esta era bastante floxa dende un principio, pois tan só se basea no instalove entre A e a moza dun dos rapaces cuxo corpo ocupa, aínda que eu tiña esperanzas de que evolucionara e collera interés, algo no que volvín a equivocarme. Non é que sexa un argumento malísimo e aburrido, pero si debilucho e sen demasiado interés. Volvemos a ter nesta novela unha trama amorosa mooooooi repetitiva (tipo Cazadores de Sombras, non digo máis): a rapaza apenas sufre, aínda que queira finxir que é así, e "faise a dura" mentres que A sufre, non deixa de choromicar e non pode falar doutro tema. En resume, o última cuarta parte do libro faise moi pesada e non deixa de repetir o mesmo unha outra vez.

Tamén podemos atopar tramas que prometen moito sen chegar a nada: o conflicto con Nathan deixa bastante que desexar, pois parece que vai crear un gran problema para logo desinflarse pouco a pouco.

O final (que xa sabedes que é unha parte crucial e importantísima á hora de crearme unha opinión sobre un libro), non me gustou (case) nada. Non digo que nada, porque a resolución a esa trama amorosa foi a que eu quería, a máis realista e creíble, pero o certo é que quedei totalmente descontenta, pois esa especie de solución que A inventa, que saca da manga sen ter ningún tipo de sentido, non só me desagradou senón que me pareceu totalmente ridícula.

Conclusión: Non teño moito máis que comentar, pois é unha novela sen nada especial, unha entre moitas, do montón. Agradable entre lecturas densas ou en momentos con pouco tempo para ler, pero totalmente prescindible.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...