Conta a historia dunha sociedade futura na que os menores de dezaséis anos que cometeron un delito (sobre todo se foi un acto terrorista) poden conmutar a súa pena polo reinicio, é dicir, bórranselle os recordos, sensacións, coñecementos... e vólveselle a ensinar o básico para que volvan a integrarse (nunha nova familia) e comecen de novo. A protagonista, Kyla, sae do hospital no que realizan a reiniciación para ir vivir coa súa nova familia e coñece a Ben, o seu único amigo tamén reiniciado, e xuntos danse conta de que ela é diferente aos demais reiniciados e que non todo é como pensan na sociedade.
En primeiro lugar, este libro recordoume moitísimo a "Sueña" (primeira parte da triloxía La cazadora de sueños, do que xa fixen reseña) a pesar de que a temática non se parece en nada (absolutamente en nada) nin a expresión, tan só a forma pausada e lenta (que adoro) de ser contada. A autora vai pasiño a pasiño, descubrindo novas tramas, pistas e acontecementos pouco a pouco, dunnha forma pausada que adoro. Se non che gustan os libros lentos e sen (case) acción, Sin memoria non é o teu libro, debo advertir, pero a min pareceume magnífico. Non lía un libro que me apasionara tanto en moito tempo.
Unha característica do libro que creo que é moi positiva é o feito de que tes esa sensación de angustia e desconcerto, producida pola desconfianza, pois ninguén é de fiar, e que simpatizas en seguida coa protagonista. En cambio con Ben, un dos personaxes máis importantes e amigo de Kyla, tiven sentimentos encontrados: caéme ben e pareceme moi boa persoa, pero véxoo atontado e plano, sen case personalidade, e, aínda que isto é un dos efectos secundario de ser reiniciado, non me acabou de convencer, aínda que pretendo darlle unha oportunidade, sen dúbida.
A única cousa que non me gustou en realidade de Sin Memoria, foi o final desta primeira parte, basicamente por unha razón: non o entendín. Non ten sentido. De repente, na última páxina, a autora comeza a desvariar e a dicir cousas estrañas que NON ENTENDO. Aínda así teño a esperanza de que se aclare todo nas seguintes partes da triloxía Reiniciados porque unha primeira parte tan boa e imposible que se estropee desta forma. IMPOSIBLE.
Conclusión: Espléndido, magnífico e xenial. Non me gustaba tanto un libro dende moito tempo atrás.
Ningún comentario:
Publicar un comentario