15 de xuño de 2015

Reseña: El cuento número trece



Cando comecei El cuento número trece, de Diane Setterfield non sabía con exactitude de que trataba, é dicir, si sabía mís ou menos por onde ían os tiros (basicamente polo que poñía na sinopse da contraportada) pero non do argumento en sí, sobre que temas nos ía narrar a autora. Ademais, vira moitas reseñas positivas e recomendacións, polo que decidín lelo.

Trata sobre Margaret, unha bibliógrafa con moi pouca experiencia (é máis que nada unha afición para ela) que recibe unha carta dunha escritora moi popular e moi prolífera pero da que ninguén sabe nada, pois en cada entrevista inventa unha vida diferente e unhas experiencias distintas. Na carta, Vira Winter, a escritora, pídelle a Margaret que acuda á súa casa, pois está moi enferma, a punto de morrer, e quere contar a verdade por primeira vez. Margaret, aínda que recelosa, pois pensa que as súa preguntas van obter mentiras de novo como resposta e, ademais, non entende porque foi elixida para semellante tarefa, acude, e alí comeza a marabillosa narración da vida de Vida Winter.

Ao principio do libro, non sabía moi ben por onde ían os tiros, pois, aínda que con relación coa trama, non teñen que ver coa historia principal, pero en poucas páxinas, introducinme na novela dunha forma asombrosa e acabeina en nada de tempo. 

Normalmente, nas novelas que, coma esta, contan como un personaxe narra unha historia pasada, sóeme interesar (ironicamente) máis o presente que esa narración. En cambio, desta vez pasou todo o contrario, e a historia de Vida apasionoume dende o primeiro momento. É unha historia moi interesante, sorprendente e (algo fantástico) cun xiro brutal no final da novela que non logrei ver ( e iso que podo presumir de telo feito en moitos libros).

A narración da novela é fantástica e fluída, personaxes apasionantes e interesantes en ambas liñas temporais e moitas incógnitas abertas en cada capítulo. De entre os personaxes debo destacar a Hester ( fantástica e marabillosa) pero sobre todo a August, pois non puiden evitar imaxinalo clavadiño a Hagrid de Harry Potter

Conclusión: Non pode contar moito máis porque non quero develar nada, pero resumo todas as miñas ideas e impresións na seguinte frase: Recomendadísima, marabillosa e fascinante. Vai directa á lista das miñas mellores lecturas do 2015.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...