1 de xuño de 2015

Reseña: Ventajas de ser un marginado


Las ventajas de ser un marginado é un libro de Stephen Chbosky, basándose no cal foi creada a película do mesmo nome protagonizada por Emma Watson, e así foi como eu o coñecin, pois, aínda que non vin a película, tívome boa pinta e quixen ler o libro.

Esta novela conta a historia de Charlie, un adolescente moi marcado por un trauma infantil e uns sucesos que nin el mesmo recorda ben, que influíron na súa infancia e, por conseguinte, no resto da súa vida, que comeza o seu primeiro ano de instituto,  no cal non coñece a ninguén, pois o seu único amigo suicidouse un ano atrás.  Alí coñecerá a Sam e Patrick, dous irmáns que o levarán a coñecer a vida dun adolescente popular e farán que teña novas experiencias vitais. 

Todo isto coñecémolo grazas a unhas cartas que Charlie envía a un rapaz (cuxa identidade non coñece el nin nos, tan só o fai porque escoitou dicir a unha amiga do receptor das cartas que este sabía escoitar moi ben) nas que conta que tal lle vai e que cousas lle ocorren.

Ata aquí, tanto a trama como a forma de ser contada poden parecer xa moi trilladas pero para nada. De feito a sinopse do libro, a que aparece na parte de atrás do libro, é moi superficial, pois a sensación que desprende Las ventajas de ser un marginado provoca que penses, reflexiones e valores o que les, é dicir, non é un libro no que importen tanto os feitos narrados como as sensacións, reflexións e ideas do propio personaxe. En este aspecto, recordoume moito a Buscando a Alaska de John Green, unha novela na que o personaxe é moi moi moi parecido a Charlie (ambos non teñen amigos ata que coñecen aos co-protagonistas, reflexionan moito, namóranse dunha das súas amigas pero saen con outra porque "o seu amor é imposible", son moi profundos...) e tamén ten feitos duros que fan pensar. Aínda así, Las ventajas de ser un marginado gustoume moitísimo máis que Buscando a Alaska, infinitamente máis, encantoume, e quedei impactada co final.

Sen dúbida esta novela converteuse na miña preferida, pois é marabillosa e contén todos os puntos que me gusta atopar nas miñas lecturas. É unha novela especial, diferentes, reflexiva, entretida e que che transmite infinitas sensacións, facendo que te introduzas na historia dunha maneira increíble.

Gustoume moito a forma de tratar os seus problemas de Charlie, que deixa algunhas cousas sen acabar de explicar para logo aclaralo, e lle da unha importancia e profundiza nos acontecementos dunha forma moi especial e pouco común e fai que non te aburras. Ademais, a historia gustoume moito, pareceume orixinal, e enfocada dunha maneira nunca antes vista, ou lida, (ou case, pois John Green tivo unha idea parecida, se ben non igual) e debo recoñecer que me fixo sufrir en bastantes partes e incluso provocou que algunhas bágoas asomasen nos meus ollos, pois a forma na que se descubre que é o que provocou a inestabilidade psicolóxica de Charlie e de que maneira se produciu ese "trauma infantil", son un tanto impactantes e duras.

Conclusión: Un libro orixinal, especial, marabilloso e xenial, moi bo sobre todo para reflexionar e pensar, ideal para cando temos tempo de pararnos, pois é moi cortiño pero require lelo pouco a pouco, sen atracóns, para poder disfrutar cada palabra da marabillosa novela que temos diante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...