29 de xuño de 2015

Reseña: Will Grayson, Will Grayson



Cando me regalaron Will Grayson, Will Grayson  emocioneime moito e tiven unhas ganas de lelo tolas e inmensas porque se trataba, nada máis e nada menos, do último libro de John Green, un dos meus autores preferidos sen dúbida algunha, que narra dunha forma moi amena e crea historias fantásticas con personaxes increíbles. Esta vez, ademais, colaboraba con David Levithan, un autor moi coñecido en Estados Unidos aínda que non moito en España (de feito non sei se hai algún libro del traducido ao castelán) que, aínda que non lin nada del (polo menos de momento), ten moito éxito.

Will Grayson, Will Grayson conta a historia de dous adolescentes co mesmo nome (Will Grayson) que teñen dúas vidas totalmente distintas pero ambas raras e un pouco difíciles xa que ningún deles é demasiado feliz. Un Will ten un amigo, Tiny, moi extravagante e que quere crear un musical da súa vida (Tiny Dancer), co que non está pasando o seu mellor momento e o outro Will sofre unha depresión e que non ten nada bo ao que agarrarse, excepto a súa relación online con Isaac. Un día, ambos se coñecen por casualidade e é entón cando comeza de verdade a novela.

Nun principio debo recoñecer que tampouco me parecía un argumento de outro mundo (é dicir, estaba ben, era chamativo, pero tampouco sabía que me ía atopar) pero era un argumento creado por John Green así que iso era o de menos, pois sabía que estarían presentes na novela as demais características da súa prosa que adoro. E, efectivamente, o libro apasionoume dende practicamente o primeiro momento pois tiña ese toque que me namorara en Bajo la misma estrella, Ciudades de Papel e El teorema Katherine e tamén en Buscando a Alaska (aínda que neste caso non quedei de todo contenta, debo dicir. De feito non cheguei a escribir reseña do libro no Nadal, cando o lin, porque non tiña unha impresión de todo formada sobre el e non quedara completamente satisfeita.)

Como dicía, Will Grayson, Will Grayson, foi outro gran éxito de John Green no que á miña opinión se refire, pois non aburre, ten un argumento orixinal e diferente (como todos os seus) e un final inesperado. Fíxome rir e emocionarme co final (magnífico) e, ao igual que dixen respecto a Ciudades de Papel no seu momento, debo pararme a falar sobre o magnífico principio do libro, moi diferente e marabilloso, que usa unha única frase como base (Podes elixir aos teus amigos e podes meter o dedo no nariz, pero non podes meter o dedo no nariz dos teus amigos) que nun primeiro momento pode parecer unha estupidez pero que grazas á maxia da escritura do autor cobra un sentido completo e convértese nun inicio de libro fantástico.

Outro detalle pequeno sobre o que falar pero que chamou a miña atención, é o feito de que os capítulos nos que fala o Will Grayson protagonista (o que coñecemos primeiro) o autor escribe "normal" é dicir, con maiúscula tras un punto e nos nomes propios, pero nos do outro Will (o deprimido Will Grayson) ignora esta norma, sendo algo moi ilustrativo do sentido de ánimo e forma de ser de este último e facendo que diferenciemos claramente que Will Grayson está falando en cada momento.

Conclusión: Pouco máis que dicir aparte de que o libro e o autor coma sempre recomendadísimos e que me deixaron un sabor de boca marabilloso, sendo Will Grayson, Will Grayson outro dos candidatos á lista das miñas mellores lecturas do 2015.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...