16 de ago. de 2015

Reseña: Diario del búnker.



Simplemente flipei. Diario del búnker era un libro que morría por ler dende que coñecera a súa existencia, porque é o tipo de libro, misterioso e moi moi intrigante e diferente, que normalmente adoro.

Linus desperta nun búnker subterráneo, tras ser enganado e posteriormente sedado e secuestrado, que conta cunha única comunicación co exterior ou, mellor dito, coa planta superior. Nese lugar, hai seis habitacións, seis vasos, seis platos... o que lle indica ao protagonista, como realmente é, que proximamente chegarán novos secuestrados.

A historia cóntanola o propio protagonista, pois el escribe a novela nunha libreta que o secuestrador lles deixou a cada un deles, polo que a maneira de enterarnos dos novos sucesos é sempre moi directa e persoal e realmente xenial. Linus, ocúltanos ademais determinadas cousas (que logo si que nos son reveladas) e, dalgunha maneira, insúltanos por que cre que ese caderno no que el expresa todo o que sente, irá a parar a mans do seu secuestrador. É un libro moi moi adictivo, que engancha e fai que queiras ler sen parar e descubrir o final e que ademais se le moi rápido, de forma que o devorei nun só día.

Todos os personaxes que aparecen nese búnker teñen unhas personalidades realmente moi marcadas e historias duras ás súas costas, o que fai que a interacción entre eles ao estar sufrindo todos o mesmo destino sexa moi interesante e que ocorran cousas realmente duras, ademais de provocar no lector unha gran curiosidade por ver que será o próximo en ocorrer. Ademais, xuntos, tratarán de atopar unha maneira de escapar dese lugar que non lles dará os resultados esperados (non digo máis) e provocará que a forma na que se viñan dando os acontecementos e esa liña fixa que ía seguindo a novela se precipite cara un final realmente fascinante.

Ademais, a novela nárrase dunha forma crua e dura, por ser o narrador o que vive nas súas carnes o que está acontecendo, para nada propia da literatura xuvenil polo xeral, que fará que te poñas na pel dos personaxes e aumentará aínda máis as túas ganas de saber o desenlace. Con respecto a el, simplemente direi que eu podía esperar de todo, imaxinaba calquera conclusión para esa historia, excepto a que realmente se nos narraDecir que flipei e quedei coa boca aberta é pouco, simplemente non podía crelo.

Non podo explicar as sensacións que esta novela transmite ao longo da súa lectura, e tampouco facer ningún spoiler dese para nada esperado final, pero insisto en que é algo totalmente novedoso e que me encantou, é unha novela xenial, apasionante e marabillosa, que recomendo a todo o mundo, pero sobre todo aos amantes, coma min, da literatura de intriga ou aos lectores de terror, aínda que non se trate diso exactamente.

Conclusión: Brutal e marabillosa. Unha novela que me encantou e enganchou dende a primaira páxina, cun final inesperado por completo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...