22 de ago. de 2015

Reseña: Perfección (Saga Traición 02)



Este mes de Agosto decidín rematar as sagas e triloxías que comezara no mes de Xullo, para evitar a acumulación de lecturas e o esquecemento de tramas, un sistema que me está gustando bastante e que creo que seguirei levando a cabo nos seguintes meses tras unha implantación exitosa. O primeiro libro que supón unha continuación de sagas iniciadas, é Perfección de Scott Westerfield, cuxa primeira parte, Traición, reseñei o mes pasado (clica aquí)

Resumindo as miñas impresións desa primeira novela, non estaba demasiado contenta nin decepcionada, simplemente me deixara indiferente e cunha sensación de desconcerto ao non percibir por ningures esa orixinalidade da que se falaba polos blogs e canais de youtube literarios. A pesar de que o libro non me apasionara, era entretido e acabara dunha forma moi moi intrigante, polo que xa tiña decidido ler a segunda parte e, cal foi a miña sorpresa, ao notar un brusco cambio na historia e acontecementos desta, sendo moito máis orixinal (onde vas a parar) e mellor que Traición, a pesar de tratarse realmente dunha novela de transición entre a primeira e terceira parte da triloxía.

O libro comeza onde terminara o anterior, dunha forma que non podo contar, pero simplemente direi que o escenario, o lugar onde ocorre todo, non é o mesmo que na primeira parte para nada, trátase un lugar que os lectores nunca chegamos a ver de todo, de forma que é moi novedoso e positivo para a novela. Aproveitando isto e as circunstancias nas que comeza Perfección, podemos saber moito máis, xa non sobre o funcionamento do sistema, senón sobre a forma de vida dos perfectos e os cidadáns en xeral ademais da tecnoloxía coa que contan e as relacións entre os habitantes neste mundo distópico. Coñecemos, ademais, novos personaxes e amigos de Tally e Shay, algo bastante positivo e necesario para a segunda novela, que ademais me deixaron bastante satisfeita, se ben non é nada do outro mundo.

A forma na que remata a primeira parte é moi intrigante e inesperada, polo que devorei o principio deste segundo libro con ansia para descubrir o ocorrido e foi, a verdade, moi sorprendente (positivamente) e conseguiu que quixese seguir lendo para descubrir o desenlace.

Na novela nárrasenos unha viaxe, un traxecto no cal coñecemos un pobo que vive como os preoxidados (os homes prehistóricos, máis concretamente do neolítico) que resulta ser algo diferente ao que nun principio pensamos e abre unha trama, que supoño que continuará no seguinte libro, con moitas probabilidades de éxito no que a min respecta.

O único que podería quizais criticar de Perfección, é o seu final, que é o que provoca maioritariamente que poidamos tildar esta novela como de transición, pois da a impresión ao lector de que non se avanzou nada, que sempre volvemos atrás e que todo o vivido non serviu, realmente, para ningún fin. Ademais, ocorre de forma moi precipitada, demasiado precipitada, aínda que tamén deixa o final, ao igual que na primeira novela, aberto e con posibilidades.

Conclusión: Con ganas de continuar coa seguinte parte da triloxía, grazas á melloría da segunda novela respecto á primeira e o chute de enerxía e ganas de descubrir o esperado desenlace que me provocou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...