31 de out. de 2015

Book Tag #7: Familia Addams



Estamos en Halloween, polo que quería publicar un Book Tag con esta temática pero, a verdade, ningún me gustaba demasiado ata que vin este marabilloso cuestionario sobre a familia Addams, protagonista dunhas fantásticas e divertidísimas películas que me encantan. Só existía na rede en inglés, polo que tiven que traducilo eu mesma:


1. Morticia Addams, a nai bruxa. Cal é a túa bruxa preferida dun libro?



Non se trata dunha bruxa en particular, senón de todo o pobo das feiticeiras da triloxía da "Materia Escura", cuxo primeiro libro sabedes que me encantou mentres que me aburrín enormemente coa segunda parte. O que me gusta das bruxas desta triloxía, é a orixinal forma na que están enfocadas. Non se trata para nada das típicas meigas malas que voan en escoba e fan feitizos, senón que son personaxes afables que viven de maneira relativamente semellante á nosa e que tamén conta cun daemonion. Hai que ler as novelas para descubrir e entender este novo e diferente mundo...


2. Gomez Addams, un pai cariñoso. Cal é o teu pai de ficción preferido?




A verdade, tampouco é que me parara a pensar neste aspecto nunca, pero se teño que elixir supoño que serían os pais de Hazel de Bajo la misma estrella de John Green, porque a coidan moitísimo e resisten a dura vida da filla sen queixa nin un só momento de fraqueza , apoiándoa dende o principio e animándoa, intentando facela feliz.


3. Tío Fétido pode xerar electricidade. Que libro che "encende" tanto (enténdase como que che encanta) que non podes deixar de falar del con todo o mundo durante días?


Pode que teña unha obsesión con esta saga... De vez en cando éntranme unhas ganas inmensas e repentinas de ler Harry Potter e de ver as súas películas e non podo evitar facer un maratón desta saga e non deixar de falar do tema e de compartir as miñas emocións durante días con aquel co que me cruce. O certo é que adoito emocionarme en exceso...


4. Miércoles Addams está obsesionada coa morte. Si puideses matar a algún personaxe de libro, cal sería?



Vale, ao principio Ali aínda me caía algo ben e parecíame divertida pero a medida que pasan os libros vaise cambiando esa idea que se ten dela e o lector descobre que é mala, mala malísima e inmensamente cruel. Non quero spoilear a ninguén, pero só vou a dicir que se vans descubrindo actos que levou a cabo que son máis que cuestionables.


5. Pugsley Addams ten unha natureza traviesa e sempre planea bromas (moi) pesadas para todos. Cal é o teu villano de libro favorito?




Non me gusta nada ter que repetir saga no mesmo Book Tag, pero a miña malvada preferida de todos os tempos é Bellatrix Lestrange de Harry Potter, polo que non podo dicir outro libro no seu lugar. Está marabillosamente ben creada, sendo terriblemente extravagante e provocando que me guste e a odie (moitísimo) ao mesmo tempo.


6. Lurch é un personaxe basado en Frankenstein e nun zombie. Cal é a tua adaptación preferida dunha historia?

  



Supoño que a pregunta se refire a unha adaptación cinematográfica, temática que trato nunha sección do meu blog. Hai dúas películas basadas en novelas que me gustan especialmente, En llamas, segunda parte de Los Juegos del Hambre, e Las ventajas de ser un marginado, basado nun libro do mesmo nome (para ver a miña opinión sobre este película fai clic aquí) pois ambas captan á perfección o que o autor quixo expresar na novela e están marabillosamente ben dirixidas.


7. Eudora "avoa" Addams, unha bruxa á vella usanza. Cal é o teu libro clásico de terror favorito?



Trátase de Drácula, unha novela moi coñecida de terror que me sorprendeu moito cando a lin, hai uns anos, polas notables variacións entre a historia orixinal e a que popularmente coñecemos. Ademais, é unha historia moi intrigante (creo recordar) que che ten en vilo durante todas as súas páxinas, querendo saber cal será a sorte que correrá o protagonista.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...