27 de feb. de 2016

Reseña: Fangirl de Rainbow Rowell


Quería ler este libro dende moitísimo tempo atrás, porque a trama me chamaba moito, tiña certa relación con Harry Potter (xa veredes porqué) e porque me autoobrigaba a ler algo máis da autora antes de Segundas Oportunidades, que era o único dela que teño en físico e que comprara máis recentemente. 

Este libro conta a historia de Cath, unha rapaza tímida e non moi social cunha xemelga totalmente oposta a ela que comeza a universidade.Isto, para Cath é un inferno, mentres que Wren, a sú irmá, deséxao con toda a súa alma, e decide, ademais, tomar distancia con ela para ser independiente por fin. Isto causará un gran sufrimento para a protagonista da novela, que se sentirá totalmente soa. Pero Cath non é só unha universitaria, tamén é unha famosísima e moi célebre autora de fanfics de Simon Snow, unha especie de Harry Potter, pero gay, no que trata o seu romance con Baz.

Nun primeiro momento, debo admitir que non me chamaba moito a trama porque non coñecía a pluma da autora nin lera nada del con anterioridade, polo que me sentín un pouco rara ao comezar a novela, porque non se asemellaba en nada a algo que lese antes. Ademais, a miña traducción era terriblemente mala: non só era unha versión en castelán americano (que xa é algo que me desconcentra e me saca da lectura) senón que non era a oficial, polo que estaba traducida ao pé da letra da versión inglesa, nunhas estructuras sintácticas non existentes na nosa lingua. En resume, que non había quen lera aquelo.

Cheguei ao 20 algo por cento da novela sen que me gustase nada en absoluto: non me atraía aburríame, non conseguía enganchrame e incluso pensei en abandonala pero (por sorte!!) seguín adiante e descubrín unha das mellores lecturas que farei neste 2016. A trama apasionoume ata uns extremos tales que non era capaz de parar de ler, sentinme identificada coa protagonista en multitude de ocasións (aínda que en moitas outras non...), disfrutei de cada palabra e só quería máis e máis.

Ata os fragmentos do fanfic de Cath, que nun primeiro momento non me atraían, me intrigaban bastante, e da historia amorosa nin che falo, porque me pareceu absolutamente perfecta.

É algo terriblemente coñecido que Rainbow é unha autora de personaxes, non de historias, pois céntrase en crear uns protagonistas moi profundos e complexos, nunha trama sinxela e convencional.

Encantáronme eses xiros no argumento da novela, como o dos pais das xemelgas, o que ocorre con Wren ou o relacionado con Nick, e como vai desenrolándose a narración.

Simplemente, non podo destacar nada malo do libro, todo é positivo, e non lle atopo pegas aparte da traducción, e iso nen sequera é culpa súa. O punto forte da novela para min, é a parella de Cath e X (non quero spoilear) que é terriblemente doce, bonita e amena, e nada pastelosa, e a súa relación relativa co fanfic.

Esta novela conseguiu que me apasionsase cada frase, que me mantivera en vilo, e que lese os acontecementos que se sucedían sen esperarme nada. É unha historia diferente, nada convencional, que se deixa ler con facilidade. Tanto me gustou, que provocou en min un bloqueo lector (si, outra vez) xa que non conseguín engancharme a ningunha lectura dende entón, ao parecerme todas floxas e aburridas en comparación.

Conclusión: Non podo falar máis de Fangirl sen spoilear, pero recomendo a súa lectura miles, e estou convencida de que estará na lista das mellores lecturas do ano. 4/5 estrelas en Goodreads, unha menos do que merece polo que tardei en engancharme.

19 de feb. de 2016

Reseña: Noches Blancas.




Cando vin que se ía publicar outro libro de John Green en España (aínda que fose unha recopilación de relatos de varios autores) alegreime de maneira excesiva e desexei con toda a miña alma lelo. Ademais, trataba a temática navideña, a miña época preferida do ano.

Cando por Reis recibín un exemplar como regalo non collía no corpo do gozo, porque desexaba, con ansia, volver a disfrutar a John Green pero, ironías do destino, o seu foi o relato que menos me gustou dos tres, o menos navideño, o máis simple e o que conseguiu deixarme indiferente.

Este libro recopila, como dixen, tres relatos de tres autores xuvenís, protagonizados por diferentes personaxes cada un deles, aínda que os principais de cada historia son secundarios na seguinte e así sucesivamente. Son tres historias de amor, pero distintas, nada pastelosas, cun espíritu navideño que me encantou (aínda que o lese un mes máis tarde de ter acabado o Nadal). Con el cumprín a condición de "Ler un libro dun autor que che gusta" que sacara da Book Jar.

O primeiro relato prantexa o comezo da trama que máis tarde seguirán os tres, ensínansenos o lugar do que parte a historia: un tren que queda parado debido a unha tormenta de neve. Unha rapaza que viaxa nel, compartirá compartimento cun mozo da súa idade e ambos comezarán a coñecerse. 

Este relato, o de Maureen Johnson, foi o meu segundo preferido, porque si conseguiu que disfrutase pero tampouco me pareceu nada especial. Ademais, a protagonista, Jubilee, pareceume terriblemente insufrible e insoportable. Había momentos nos que simpatizaba con ela en certa maneira, pero na seguinte páxina ela soltaba algún comentario ou chegaba a algunha conclusión que me provocaba ganas de gritarlle ao libro. A pesar disto, esta historia pareceume bastante boa, normaliña, e non me desgustou.

A seguinte segundo a orde do libro, é a de John Green, aquel relato polo que eu mercara a novela, e que me decepcionou dunha maneira increíble. Gustoume a maneira na que se integraba aos personaxes da historia de Maureen Johnson como secundarios e descubrir cales das persoas das que esta nos falaba de maneira pasaxeira se volverían protagonistas, pero nada máis, E isto nin sequera era de todo mérito do autor.

O seu relato pareceume igual que os que soe escribir, na súa liña, pero peor. É dicir, normalmente encántanme as súas novelas pero neste caso pareceume que Green escribiu un relato sen esforzarse o máis mínimo, resaltando os puntos que menos me gustan da súa prosa e das personalidades que máis adoita utilizar e que xa coñecía, explotando aspectos que non me atraen.

De feito, algo moi curioso certamente, os personaxes principais do seu relato gustáronme moito máis no seguinte, da man de Lauren Myracle, e coa súa forma de tratalos consegueu mellorar o inmellorable.

Este último relato do libro encantoume, e desexei que se centrase nel toda a novela. De feito, conseguiu subir media estrela ou incluso máis a miña calificación en Goodreads. A trama era moito máis orixinal, a protagonista divertida, contaba cunha trama interesante e completa e a maneira de integrar as historias anteriores foi algo que Myracle soubo controlar e facer con naturalidade. 

Pareceume un relato divertido e á vez positivo, adorable, o que realmente esperaba dun libro navideño. Consegueu transmitir as ideas básicas dunha película de Nadal.

O mellor, mellor, mellor de Noches Blancas, foi o final. Ese encontro das tres parellas formadas nos relatos, a relación entre eles, como tres historias opostas e independentes se integran nunha. O libro mellora cara o final sen dúbida.

En conclusión, Lauren Myracle salva todo o libro, (aínda que Maureen Johnson non o fixese tan mal) tras a absoluta sinxeleza e sosez de meu amado John Green. Un libro para amantes do Nadal, que tampouco conseguiu conquistarme, aínda que con el esbocei algún que outro sorriso. Un sinxeliño 3/5 en Goodreads.


13 de feb. de 2016

Reseña: El fantasma de Canterville.



Non vou a enganarvos, elixín a lectura deste cortísimo conto de Oscar Wilde como libro optativo para o instituto pola gran aglomeración de traballos e exames que tiña nese momento (e que sigo a ter) sen fixarme moito na súa temática. Direi na miña defensa que si sabía que era un clásico, unha obra dun autor importante e valoradísimo, pero isto, dado que nunca lera ningunha outra novela ou conto do autor, non foi un elemento imprescindible á hora de elixir.

A verdade é que me sorprendín moito con El fantasma de Canterville, pois tiña a idea preconcevida de que non ía ser gran cousa. Pensei que me ía a gustar relativemente, que ía a obter un 2,5 ou 3 sobre 5 nas miñas calificacións de Goodreads como moito e se trataría dunha lectura sen máis, pero o certo é que me gustou, sobre todo a primeira metade da historia.

Esta conta como unha familia adiñeirada e importante na política estadounidense se muda a Inglaterra, a unha casa na que vive un fantasma dende moitos séculos atrás, razón pola cal leva desocupada longo tempo. Lonxe de preocuparse, a nova familia dona da mansión de Canterville, dedícase a molestar ao fantasma por pura diversión, algo que enfada terriblemente a este.

O primeiro que me sorprendeu do autor é o tremendo e xenial tono satírico co que narra a historia. Non se trata da típica e trillada historia de fantasmas que esperaba, senón, precisamente, é unha crítica ou parodia deste tipo de novelas tan populares na época. Esa maneira de contar como a familia persegue ao fantasma e lle fai numerosas falcatruadas, en lugar de ser ao revés, é tremendamente irónica e divertida, e incluso o é máis a reacción do propio ente ao verse como obxectivo desas bromas.

Nunca esperei divertirme ou incluso sorrír cunha obra destas características, pero a verdade é que o tono humorístico de Wilde é moi bo.

Tamén esa loita, de transfondo na novela pero deixándose ver claramente e a propósito, entre a Inglaterra do momento e Estados Unidos, esa esaxeración dos costumes e forma de ser dos cidadáns de ambos países, é realmente divertida. Wilde consegue plasmar esceas absurdas e ridículas dunha maneira sinxela e maxistral.

(Unha mención especial ao feito de que a mancha de sangue cambia de color porque o fantasma o colorea con pintura cada mañá, simplemente delirante e marabilloso...)

O problema veu coa segunda parte da historia. Todos estes elemntos desaparecen e cóntase un extraño desenlace (que non me quedou moi claro) no que perdemos de vista aos dous protagonistas principais, polo que non sabemos que ocorreu realmente. Acaba moi rápido, de súpeto e sen avisar, e para min iso estropea o demais, porque parece que o relato estaba inconcluso.

Conclusión: Unha historia divertida e irónica cun final que o chafa todo. Unha historia cortiña sen demasiada importancia pero ben construída. 3/5 en Goodreads.


9 de feb. de 2016

20 Series Tag

Se hai algo que me guste tanto como un bo libro, é unha marabillosa serie de televisión. Son unha gran amante das series e vin ao longo da miña vida moitísimas diferentes e, actualmente, estou vendo varias, así que me pareceu moi boa idea e me apeteceu moito de repente compartir con vós este Tag. Por desgracia, non podo falar de todas aquelas series que vin ou que me gustaron, porque non hai tantas preguntas como para facelo, pero algunhas das máis importantes si se atopan nesta entrada. Disfrutade!

01. Serie favorita.



Sin ningún tipo de dúbida, problemas ou enfrentamento entre series, está é Friends. Sempre foi e sempre será a primeira no meu corazón, porque é perfecta, marabillosa, divertida, interesante, entretida e todos os calificativos positivos que lle queiras engadir detrás. Ademais, é a nai de todas as series de comedia actuais e merece moitísimo e totalmente a pena a súa visualización, porque ten moitos puntos orixinais e divertidos e é realmente agradable e marabillosa.

02. Serie que che avergoza dicir que ves.



A verdade é que me da un pouco de vergonza admitir que sigo El Príncipe, porque non é unha serie demasiado boa cunha trama marabillosa, senón que máis ven engancha e deixase ver a pesar de ter unha trama simple e sen moito sentido. Pero realmente engancha e déixase ver e entretén, así que non me importa dicilo. Consta de só tres temporadas, a terceira das cales se estrea proximamente e vou a ver, pois necesito saber como termina a historia e se a historia de amor conclúe comome gustaría.

03. Cal é o teu personaxe favorito?

          Resultado de imagen de castle y beckett

Vou dicir un personaxe feminino e outro masculino, un de cada unha das miñas series preferidas, pois decantarme por un só sería terriblemente complicado (de feito tamén o é desta maneira...) e son Chandler Bing de Friends e Kate Beckett de Castle, ou ben a outra opción, Richard Castle de Castle e Mónica de Friends. (Tampouco podo olvidarme de Blair Waldorf de Gossip Girl que me encanta nin de Bates de Dowton Abbey, que é amor puro...)
   


04. Unha serie que pensaches que non che gustaría e che enganchou finalmente.



Comecei a ver Glee porque era unha serie extra popular e que gustaba a milleiros de persoas, pero cando comecei a vela pareceume a serie máis extraña e diferente que nunca vira e non acabei de collerlle o xeito. Era unha especie de comedia, drama e musical, todod mesturado nunha serie rara, e non foi ata finais da primeira temporada ou comezos da segunda cando lle pillei o tranquillo (non digo que a entendín porque con Glee nunca chegas a facelo) e engancheime por completo a partir de entón. Vin 5 das 6 temporadas que ten, e temo que nunca comezarei esta última, porque creo que o meu momento con Glee xa pasou, pero sigo amando esta serie de igual modo.

05. Con que serie cambias rapidamente de canal?



Hai certas series na televisión que me producen arcadas, pero en concreto Aída é algo que nunca cheguei a entender ou sequera a soportar. Non aguanto aos personaxes, a trama (se é que existe) nin nada do que se pode atopar nela, ademais de conter milleiros de valores negativos, prexuízos e bromear con cousas que considero que non se debe. Está tratando temas de maneiras que non debería e é unha serie que odio con toda a miña alma...


06. Que serie de televisión che encantaría protagonizar?




A serie que máis me guatría vivir nas miñas propias carnes sería sen dúbida Friends, porque sería terriblemente feliz con uns amigos como eses e cunha vida tan feliz coma a deles, ademais de desenvolverse nos 90, unha década marabillosa... Pero por non repetir as mesmas series constantemente, direi outra que tamén me agradaría, Las chicas Gilmore. Esta é unha serie que tamén me encanta, unha das miñas preferidas, e sería tamén moi feliz vivindo nun pobo pequeno como o seu, no que todos se coñecen e fan unha Asamblea semanal. Si eu fose Rory, estaría tamén moi contenta.


07. Serie da túa infancia.


Resultado de imagen de heidi

Estiven terriblemente enganchada a Heidi cando tiña uns 6 ou 7 anos. Despertaba moi cedo todos os días de verán para vela en Antena 3 e logo chamaba a miña prima para comentar o que ocorrera nos capítulos dese día. Recordo que perdera por algunha razón os últimos da serie, e quedara durante anos coa intriga do que ocorrera (creendo que Clara morría ao final...) ata que finalmente os puiden ver.


08. Personaxe co que tiveches un Crush.


Hai moitos personaxes que me encantaron e cos que estaba obsesionada, como Nacho de Luna, el misterio de Calenda e moitos outros que agora mesmo non recordo...


09. Algunha vez tiveches a música dunha serie como tono de chamada?




Si, tiven como tono a canción Caskett (de Castle e Beckett) de Andrew Bell, chamada "In my veins". É unha canción preciosa, aínda que as pintas do intérprete tiren un pouco para atrás...


10. Que serie abandonaches tras moitas temporadas?


Son varias, pero agora mesmo só recordo Glee e Bones, aínda que estpu segura de que algunha máis deixei a medias...


11. Cal é a tolería máis grande que fixeches por unha serie?

Levantarme as 7 da mañá todo un verán para ver Heidi? Jajajaja.


12. Cal é o teu malo preferido?

Hai moitos malos bos en varias series de televisión, pero dende logo "A" de Pequeñas Mentirosas é un deles. Consegue que o/a odies e ten unha longa historia. Como sabedes, eu lin os libros da saga e sei a identidade de A (polo menos dalgún dos A...) pero iso non lle quita a gracia á serie.

13. Serie que a todo o mundo lle gusta menos a ti.


Hai moitas series que todos adoran e eu non sigo, simplemente porque nunca tiven esas ganas de empezalas e nunca vin nin un só capítulo delas: The walking dead, American Horror Story, Game of Thrones...


14. Mellor final dunha serie.


Friends, Friends, Friends e Friends. O mellor final da historia das series sen competición posible con outros. Un 10.

15. Peor final dunha serie.



Vale, Doctor en Alaska é unha serie que me gustou moito, pero a última temporada, tras a marcha de Fleishman, é unha auténtica cagada e o capítulo final non é mellor que o resto dela. Unha gran decepción cun romance nada creíble...

16. Mellor piloto dunha serie.

Gossip Girl é unha serie que comeza de maneira intensa. Xa no primeiro capítulo ocorren cousas impactantes e intrigantes e engancha dende o primeiro segundo, así que é un dos mellores pilotos que recordo.

17. Serie que viras dúas ou máis veces.


Friends. Vina 2 veces e media e segue sen aburrirme. Algunhas das temporadas de Castle tamén as vin en varias ocasións completas, pero non toda a serie en si, senón máis ben en capítulos soltos.

18. Series pendientes.


A lista é interminable, así que vou dicir só aquelas que prevexo que van ter unha máis próxima visualización: Los 100, Revenge, Lost e Grimm.

19. Parella perfecta dunha serie.



Uffff... Aquí si que non me podo decidir así que direi tropecentas: Caskett (Castle e Backett), Dlaire (Dan e Blaire), Chuck e Blair (si, un pouco contradictorio...), Maggie e Fleishman, Monica e Chandler, Ross e Rachel, Christina e Burke, Christina e Owen (outra contradicción, I know...), Bates e Anna... etc etc etc.

20. Algunha frase de serie coa que estiveches obsesionada.




"Oh my god, Chandler Bing!" (Friends)

"¡¡Nos estábamos tomando un descanso!!" (Friends)

"You´re the most remarkable, maddening, challenging, frustrating person I have never met"  (Castle)

6 de feb. de 2016

Reseña: Since you´ve been gone (Desde que te fuiste)


Por fin, por fin, por fin vos traio a reseña de Since you have been gone da popular escritora de literatura xuvenil Morgan Matson. Esta novela foi a miña primeira lectura do ano e convertiuse rapidamente nunha das miñas favoritas da Historia, porque me sorprendeu moitísimo e de maneira moi positiva. 

Este libro foi un dos que comprei no verán polo meu cumpreanos, na súa versión orixinal en inglés, pero aínda non o lera, despois de meses collendo po na estantería. 
A verdade é que me sorprendeu moito, non só porque non esperaba que fose como é, senón porque as miñas expectativas con respecto a el non eran demasiado altas. Simplemente pensaba que era un libro sinxelo, normaliño e sen moita ciencia (razón pola cal, precisamente, o comprei en inglés, esperando que fose moi fácil de ler, como si o foi) pero nada más lonxe da realidade. Si é un libro que se deixa ler e engancha pero vai moito máis alá.

Conta a historia de Emily, unha rapaza tímida, moi sensata e responsable, sen moitos amigos,cuxa vida cambiará cando coñeza a Sloane, unha rapaza totalmente diferente a ela: alocada, moi extrovertida e divertida. Emily pasará de ser unha descoñecida para todos a converterse na "amiga de Sloane", e a súa vida xirará totalmente ao redor desta, polo que cando un verán desaparece misteriosamente, verase nunha situación moi difícil, totalmente soa  sen saber que facer sen Sloane, da cal depende demasiado, pero nun verán, Emily cambiar´e convertirase en alguén que non imaxinaba que podería chegar a ser, grzas a unha lista que Sloane lle deixa, con cousas que debe facer se quere atopala.

Dende o principio do libro enamoreime del e souben que me encantaría. En primeiro lugar, Emily recordoume moitísimo a min en moitos aspectos da súa personalidade e sentinme reflexada en certos acontecementos, xa que eu tamén tiven na miña vida unha mellor amiga como Sloane e pasei por certos momentos como os que ela sofre na súa relación con ela. Isto fixo que me introducise na historia de cheo, e disfrutase cada palabra.

A maneira de narrar da autora tamén axudou a que isto ocorrese, porque é terriblemente envolvente, ademais de conseguir transmitir os sentimentos e pensamentos de Emily dunha maneira impresionante. Para isto axúdase de flashbacks da súa relación con Sloane, que fan que entendas mellor polo que ela pasou ata chegar ao momento presente, que comprendas porque sinte o que sinte e pensa o que pensa.

Ten unha prosa luminosa, positiva e alegre: por moi mal que o estea pasando a protagonista e por moi inverno que fose cando lin Since you´ve been gone, para o lector é sempre verán. É unha lectura cálida, que consegue que te sintas ben. Os acontecementos narrados tamén axudan a que te sintas dese modo, porque o verán que pasa Emily é absolutamente marabilloso, bonito e emotivo.

Non hai un so detalle na novela que poida criticar, nada sobra, nada falta, todo está perfectamente construído e é unha historia perfecta.

En canto á evolución que podemos notar en Emily é algo enormemente notable: a Emily das primeiras páxinas non ten nada que ver coa do final, sendo esta unha persoa independente, libre e feliz, que descubriu unha nova maneira de vivir. Isto tamén o transmite moi ben Morgan Matson coa súa pluma que certos críticos describiron á perfección como "heartwarming". Non creo que haxa nha soa palabra no mundo que poida definilo mellor.

A relación amorosa que se da na novela tamén e marabillosa. Non se trata de instalove (de feito o rapaz de moza durante toda a hisoria ata pouco antes do final e nin seuqera Emily se espera ter nada con el) e vaise desenvolvendo de forma lenta e preciosa, sen ter unha importancia excesiva na novela pero dándolle un toque necesario que a completa. Tamén me pareceu terriblemente importante e bonito como Emily pasa de non ter a ninguén  e sentirse soa e nun bucle depresivo sin fin a ter un boísimo e marabilloso grupo de amigos que de verdade a queren e a aprecian. Esas saídas e quedadas con eles que ía lendo facíanme sorrir e sentirme totalmente feliz.

É un libro que transmite felicidade, ánimo, esperanza e calor. Unha absoluta boa lectura. Non sei como expresar como me fixo sentir; as palabras e a historia non son o principal e o máis importante, senón como a autora o plasmou, a maneira de facelo. Todo está ben atado e os sucesos teñen sentido completo, nada ocorre porque si, incluso os dramas que ocoren a final despois de que "algo" ocorra.

O ritmo da novela é tamén perfecto, o suficientemente rápido para que non te canses e o suficientemente lento para que o entendas todo, te empapes da historia e te vexas atrapado. 

O final, esa parte da trama co que sabedes que son crítica en exceso, soubo convencerme. Que non era o final dos meus soños? Non. Pero pegaba coa trama e coa novela, era adecuado, aínda que eu non faría con Sloane, non sentiría cara ela, o que Emily sentiu e decidiu (non quero spoilear).

O único, foi que quedei con mil ganas de saber que pasa con Emily e Dawn, unha amiga que ela fai no verán e que é un enorme apoio para ela, porque ambas teñen un enfado por algo que Emily fai e que a ela a pilla moi cerca (porque alguén lle fixo o mesmo) pois soluciónase o problema e a autora remata a novela sen resolver o enfado. Desde o meu interior rezo para que todo acabe ben entre elas porque a vexo como moi boas amigas nun futuro.

En resume, unha novela marabillosa, perfecta para min, cunha trama que me pilla moi de cerca e que consegue quentar o teu corazón. Extremadamente positiva, esperanzadora, agradable e perfecta, esta novela vai directísima ao Top das Mellores Lecturas do 2016, sen ningún tipo de dúbida existente.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...