21 de mar. de 2016

Reseña: Heridas Abiertas de Gillian Flynn.




Heridas Abiertas é un libro de Gillian Flynn, autora coñecida pola súa novela Perdida, que, ao igual que esta, é un thriller e un libro de misterio e intriga terriblemente escuro. 

Nesta novela, cóntase como unha xornalista regresa ao seu pobo natal despois de case unha década para cubrir a noticia da morte de dúas rapazas pequenas, ás que o asasino arrincara os dentes tras acabar coa súa vida. Pero o máis duro da situación non é precisamente o caso, senón ter que enfrontarse aos seus problemas psicolóxicos que non terminaron de curar e aos habitantes dese pobo do interior de Estados Unidos tan terriblemente cerrados e conservadores.

O certo é que esta novela só se pode definir coa seguinte palabra: intelixente. É un libro cunha trama completa, traballada, complexa e pragada de xiros. Ademais, a autora é moi profunda á hora de crear aos seus personaxes, pois trata de facelos complexos e fabrícalles unha personalidade, historia e problemas moi realistas e creíbles.

A historia comeza sendo relativamente convencional, sen nada especial aínda que pinte ben, pero pouco a pouco vaise enredando e complicando nunha rede de mentiras, revelacións e descubrimentos escuros que fan que xa non teñas nada en claro e que sospeites de todos, ademais de, polo menos no meu caso, conseguir que te sintas dentro da novela e teñas unha especie de intranquilidade e sospeita.

A prosa de Flynn é tan negra e estraña como a trama, polo que se consegue un efecto completo de dureza e escuridade. 

En canto aos sucesos, é impresionante como se consegue crear semellante historia con tantos personaxes sendo todos completos e ben definidos e cunha trama como esa. Méteste de cheo na historia e non podes parar de ler pois, aínda que tampouco se sucedan centos de escenas pragadas de acción durante toda a novela, si que se describen certas escenas nun principio sen importancia que se volven terriblemente relevantes.

Os problemas psicolóxicos da protagonista foi algo que nunca levei moi ben, en todo o tempo que levou a lectura, pois son unha persoa terriblemente sensible ante agullas, coitelas, cortes... e o problema está terriblemente relacionado con isto polo que sufrín intensamente, déboo admitir. Houbo certos momentos nos que cheguei a ter que apagar o ebook e tomarme un tempo de descanso e serenidade. 

A verdade é que a novela é PERFECTA. E que non podes atopar unha soa lagoa nas súas páxinas, todo está calculado e pensado con antelación para crear esa mestura perfecta. Cada vez que pensas que xa sabes por onde vai a trama, hai un xiro.

De feito, ao rematar o libro, cando se che presenta unha solución (que eu adiviñara previamente) e cres que xa está todo, cambia toda a trama, o libro da un xiro bastante amplio e sorpréndeste ao descubrir a verdade.

Encantoume o final e o descubrimento do asasino e da verdade, porque é terriblemente (unha vez máis) intelixente e trata o tema, digamos, dos traumas e enfermidades mentais (non podo dicir moito máis...)

Outro tema con importancia en Heridas Abiertas, é ese carácter e pensamentos dos habitantes dun pequeno pobo americano, os prexuízos que sofren esas persoas, e como xulgan á protagonista por ter marchado dalí para non regresar. Ademais de ser terriblemente atrasados e contar con numerosos prexuízos perxudiciais, siguen a vivir como moito tempo atrás e é realmente curioso como afecta á resolución do caso e ao artigo o feito de tratarse de cidadáns dun lugar determinado.

En conclusión, un bo libro, ben construído, cuxa autora é capaz de tratar diversos temas complexos ao mesmo tempo de maneira intelixente e adecuada. Con xiros inesperados, puntos sorprendentes e unha capacidade especial para que te vexas envolto na novela. Un 4/5 en Goodreads.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...