14 de mar. de 2016

Reseña: Mi espectacular ahora de Tim Tharp



 Estaba pasando por un Bloqueo Lector dende o fin do verán, debido ao gran número de lecturas que levara a cabo durante todas as vacacións, que empeorou despois de rematar Fangirl, pois gustoume tantísimo e deixoume tan ilusionada ao finalizala, que ningunha lectura me atraia e acababa abandonándoas todas. Pero, finalmente, con este libro, conseguín solucionar (polo menos parcial e temporalmente) co problema.

Isto non quere dicir que me encantase nin que sexa unha increíble novela, senón que se deixa ler con facilidade e non require moitísima concentración.

A verdade é que tiven, teño e terei sentimentos encontrados con Mi espectacular ahora pois, aparentemente, non me acabou de convencer ao non atopar orixinalidade nin ningún punto que me resultase apasionante. Nin sequera me enganchou excesivamente: foi un libro que pasou por min sen pena nin gloria. Ou iso pensaba, pois co paso do tempo dende que finalicei a novela, máis a recordo e cun sentimento máis positivo. Realmente, si que me agradou este libro, pero non excesivamente, e, á vez, si que deixou pegada en min... Non sei, estou confusa.

A historia nárraa Sutter, un rapaz bastante rebelde pero con ideas propias e gusto por reflexionar sobre elas, que vive unha vida de festa e sen preocupacións (polo menos aparentemente, pois en realidade si que ten certos problemas) ata que se cruza no seu camiño Aimee, unha rapaza completamente oposta a el, que se converte nunha especie de "proxecto" ao intentar convertela en sociable e transformala na súa idea de persoa normal para esa idade.

O personaxe principal é moi moi semellante a Holden, o protagonista de El guardián entre el centeno (ambos reflexionan durante a narración sobre ideas que teñen sobre a vida que os demais non comparten, ambos rexeitan aos adultos e a súa forma de comportarse e ambos están máis preocupados das súas reflexións e maneiras de vivir que dos estudos...) polo que simpaticei moi rapidamente con el (por algo esa novela foi a miña quinta preferida do 2015) e foi algo que me gañou dende un comezo. A pesar do parecido, deixo constancia de que certos puntos do carácter de Sutter e determinadas ideas que comparte co lector, non me pareceron moi aceptables, como esa idea de normalizar a Aimee ou esa manía con alonxarse dela para protexela da que falarei máis adiante.

Gustoume moito a maneira de tratar a dura realidade das vidas de todos os personaxes que aparecen na historia, como se non fose para tanto, e que o autor se centrase noutros aspectos. Tamén me encantou a parte na que a vida e a maneira de vela de Sutter cambia de forma radiacal en moi pouco tempo e polo simple feito de atoparse con Aimee, como isto fai que non lle importen os comentarios dos demais, aínda que non está demasiado ben construído, pois recorda esa necesidade de valorar a opinión do resto de maneira intermitente e sin vir ao caso. 

O punto principal da trama é a relación entre ambos personaxes, que me gustou moito por romper certos prexuízos e tópicos da literatura xuvenil, pero que me deu mil e un dores de cabeza pola indecisión de Sutter. Ao final, non teño claro se algunha vez chegou a querela e se alonxaba dela e tiña esas reaccións extrañas porque pensaba que así facía o mellor para ela ou se simplemente foi todo unha especie de proxecto como el sostiña durante todas as páxinas. Eu sempre pensei que era unha excusa que sostiña como unha especie de salvavidas ao que agarrarse para non enfrontarse á realidade, pero a verdade e que rematei  libro cunha enorme confusión. 

O ritmo da narración e lixeiro e fácil de seguir, e a maneira na que se centra nuns puntos e deixa outros nunha descripción superficial, gustoume, pero sobre todo foron eses puntos divertidos que tamén existían en El guardián entre el centeno, aínda que en menor medida, os que máis me agradaron. Un exemplo, o que máis destaca para min, son esas relacións entre ex-noivas de Sutter e el, coas personalidades tan diferentes de todas elas entre si, e sobre todo as conversas con acento italiano del e unha delas (Angelina?, Angela?...) finxindo pertencer a unha mafia. Un puntazo.

O final, foi terriblemente aberto, e non me gustou en absoluto porque revela, unha vez máis, ese sentimento de... buscar o mellor para os demais? facer unha obra social?... de Sutter que non comparto e me parece innecesario e repelente.

Púxenlle 3/5 en Goodreads, unha puntuación que me parece alta para un libro que tampouco me encantou á hora de pensar noutros que valorei da mesma forma e baixa ao pensar noutros coa mesma calificación. En resume, foi un libe que me gustou e que me marcou bastante sen darme conta, facendo que o recorde con cariño, a pesar de non causarme no momento impacto. Unha sensación diferente para unha novela diferente... Cavilarei acerca dela a ver se chego a unha conclusión, supoño que positiva...

Existe, por certo, unha adaptación cinematográfica da novela que verei pronto (porque morro coas ganas) cuxo final é distinto ao do libro, según vin por internet, e que gustou máis aos lectores. Pronto review e a miña opinión máis sincera.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...