25 de abr. de 2016

Reseña: Crónica de una muerte anunciada de Gabriel García Márquez.

Por fin por fin por fin, tras 15 días de pausa, traio unha reseña, pero non unha reseña normal e convencional senón a reseña dun dos meus clásicos preferidos, un dos libros que máis me gustou deste 2016 e dun libro que se converteu nun dos meus preferidos da vida: Crónica de una muerte anunciada de Gabriel García Márquez.

É unha historia que tiña moitas moitas ganas de ler dende había certo tempo porque a súa trama e a maneira na que se desenvolve me chamaban a atención: básase nunha correlación de saltos temporais e diferentes puntos de vista arredor duns mesmos sucesos e uns mesmos personaxes, profundizando en diferentes aspectos de cada vez ata mostrarnos un estudo pormenorizado do asasinato e as súas causas (así como dunha serie de casualidades e curiosidades que representan o Realismo Máxico da novela) ao redor do cal xira a trama.

A novela comeza describíndonos como foi o despertar e a mañá do asasinado no día no que se ía producir a morte (coa famosa frase: <<El día que lo iban a matar, Santiago Nasar se levantó a las 5 y media de la mañana...>>) de maneira que se da a primeira toma de contacto coa historia. O autor narra dun tirón toda a mañá ata que se produce o crime dende o punto de vista do protagonista, narrándose a modo de crónica (de ahí o título) todos os sucesos que ocorren. Pero logo, con posterioridade, volve a comezar a mañá, regrésase ao pasado, pero dicíndonos como fora a noite e despertar dos asasinos e así sucesivamente.

Desta maneira, facémonos unha idea completa e clara do ocorrido, sen lugar a dúbidas, porque en si a novela é un estudo real dunha morte e un caso que se deu realmente no pobo natal de Gabriel García Márquez, quen só cambia o final da historia de Ángela, pero prantexado todo dunha maneira terriblemente etretida, atrapante e de altísima calidade literaria. É tal o detalle co que se narra todo, a forma na que se intercalan testemuñas dos veciños do pobo coa narración do ocorrido e a perfección coa que se presentan os saltos temporais, que te ves envolto na historia dunha maneira asombrosa e marabillosa, sentíndote parte dela.

Non existen cabos soltos, é imposible atopar un aspecto sen aclarar e, sobre todo, ata o máis mínimo detalle inflúe nos acontecementos e provocará unha consecuencia. Vese tamén moi claramente polo cambio de visión, de personaxe que o vive, e é, de novo, un puntazo.

En canto ao débil e apenas notable realismo máxico presente no libro, si creo que se pode percibir en moitos puntos da trama e se pode sinalar con claridade, pero sen chegar a ser algo protagonista na trama ou un punto básico no estilo narrativo do autor, algo positivo para min, que non simpatizo en exceso con esta característica. Si que me gusta, realmente, pero en obras como Como agua para chocolate no que todos e cada un dos sucesos veñen dados por un elemento inexplicable e sen sentido, estrésome porque preciso dun razoamento realista que estea detrás, e non sempre existe. Por iso, considero que Crónica de una muerte anunciada conta coa dose exacta e perfecta para min de realismo máxico, e penso que é moi necesario e que sen el a novela non sería a mesma, non tería tanto encanto e non me tería apasionado ata este extremo.

Só pode definirse como un libro atrapante e máxico, porque conta cunha esencia especial e faiche embeberte na historia.

Trátase dunha crónica dunha morte, dun estudo e unha narración pausada e detallada da mesma, polo que é unha novela diferente, curiosa e espectacular que consegue aclarar ata o detalle máis pequeno, falarche da curiosidade menos importante e facer que esta teña un papel clave na historia grazas ao realismo máxico presente na obra e, a pesar de narrarse o mesmo continuamente e de saber dende o principo como vai a acabar todo, veste intrigado e con ganas de seguir lendo en todo momento. O ritmo é áxil, trátase dunha novela curta, narrándose infinidade de sucesos, dándose datos e nomeándose personaxes sen aburrir ou abrumar ao lector.

En conclusión, un libro marabilloso, especial e un clásico realmente realmente recomendable, que conseguiu atraparme e conquistarme rapidamente e que se converteu nunha das miñas lecturas favoritas do ano e en xeral. 5/5 estrelas en Goodreads.


2 comentarios:

  1. Magnífico comentario dun espléndido libro. Parabéns!!!

    ResponderEliminar
  2. Tamén eu estou de acordo con que é un magnífico comentario e a un libro espléndido; espero que, ademais, sexa a primeira lectura das obras de García Márquez. Xa sei que o que máis que gusta son as novelas, pero non esquezas que o contos deste autor son, simplemente, marabillosos.

    ResponderEliminar

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...