23 de xuño de 2016

Reseña: Éramos Mentirosos de E. Lockhart.



“We are liars. We are beautiful and privileged. We are cracked and broken.” 

"Somos mentireiros. Somos fermosos e privilexiados. Estamos agrietados e rotos"




O ano pasado esta novela de E.Lockhart foi número 1 na lista de best-sellers do New York Times e existiu unha campaña de marketing incríble ao redor dela, na que se caracterizaba ao libro de "impresionante", "cheo de segredos e mentiras", "misterioso" e, incluso, "obra mestra da literatura que ía marcar un antes e un despois, atrapando a adultos e xóvenes por igual". Falábase desta novela como unha atrapante historia de segredos e intrigas familiares, cuxa base eran problemas internos provocados pola riqueza e herdanzas dunha familia de clase alta, nunha illa privada na que ocorrera algo, un feito que a protagonista esqueceu e que o lector non sabe ata o final, e que nos deixaría a todos os lectores en shock.
Pero, xa volo digo de entrada, non vos deixedes levar por isto, como eu fixen, porque terminaredes cunha decepción enorme e rirédesvos da campaña de marketing que xira sobre "Éramos Mentirosos", xa que o libro non se parece, nin de lonxe, ao que esta prometía e ao que eu buscaba e desexaba ler.

É como se de "Harry Potter" dicimos que é unha asombrosa historia de amor. NON. Ten (moi poucas) pinceladas amorosas pero non é unha historia que trate principalmente sobre iso. Pois con "Éramos Mentirosos" pasa o mesmo a menor escala: non prometas unha gran historia de intriga con segredos e tramas familiares sorprendentes, se logo vai ser unha novela cunha única trama misteriosa que nin sequera o é tanto, dado que non se presenta dunha forma que impresione e enganche ao lector. Ademais, para poder dicir que existen misterioS e segredoS, debería haber máis de un, por iso de que falamos en plural, pero só existe unha unica liña argumental sen xiros, descubrimentos nin tramas que se enredan e desenredan, só un misterio que se resolve ao final dunha maneira que non logrou convencerme nin estaba á altura do prometido. A novela empeza ben, pero cando te decatas, xa a remataches, como se nunca acabase a introdución, pois non hai desenvolvemento do argumento e cando se presenta o desenlace todo se resolve de maneira precipitada...

En teoría, a protagonista deste libro sabe o mesmo que nós ao comezo dela, pois, tras o "accidente", sofre amnesia selectiva, e isto, xunto coas dúbidas e estraños recordos soltos que vai recuperando, debería lograr que nos puxéramos nerviosos, que quixésemos saber que foi iso tan horrible que pasou, pero xúrovos que nunca antes sentira unha indiferencia tan grande cara un misterio e trama principal dunha novela. Eu non odiei esta lectura, resultoume entretida e, como digo, unha máis do montón, sen nada a destacar, e se isto foi así, se non cheguei a rexeitala por completo, foi grazas, unicamente, á maneira de escribir da autora e a forma de vida, a rutina veraniega, dos xóvenes primos protagonista, que, simplemente pola súa orixinalidade, polo diferentes a todo o que vira antes, me pareceron interesantes e provocaron que quixese seguir lendo, que me fose amena a lectura, pero sen máis.

Outro punto que me puxo MOI NERVIOSA, pero moito, foi a maneira na que a autora parecía tratar da mesma forma aos protagonistas cando tiñan 13, 15 e 17 anos, é dicir, non se notaba no carácter dos rapaces ningún tipo de cambio ao longo dos veráns. Daba igual os anos que pasaran, que seguían a pensar, expresarse e comportarse coma nenos pequenos. De feito, aínda que sei (porque se nos repite) que os catro primos que protagonizan o libro teñen 17 anos na maior parte del (excepto nas analepses e flashbacks), eu era e son incapaz de imaxinalos con esa idade pois eu, cos meus 16 anos, non teño esa mentalidade tan infantil, nin a tiña con 15. Quizais, poidamos asociar os seus carácteres e comportamentos con nenos de 13 ou 14 anos, perouns rapaces caprichosos e consentidos de 13 ou 14 anos. E si, dásenos unha posible explicación (que é un enooooorme spoiler, o único que podería facer pois, como digo, non é que haxa demaisados misterios en "Éramos Mentirosos") que podería xustificar isto, pero eu estou nun 95% convencida que a autora non o fixo de maneira consciente, é dicir, que ela de verdade pensaba que as persoas de 17 anos se comportaban desa maneira e que foi un enorme erro do que non se decatou. Na miña mente, os personaxes desta novela teñen 14 anos, e nin así e xustificable a cantidade de tonterías das que son protagonistas. En fin...

Por último, esta novela é máis un relato ou unha historia corta inacabada, e non só pola curta extensión á que sumamos as moitísimas páxinas en branco da edición do libro (adiós Amazonas), senón polo pouco desenvolvemento de todo: trama, personaxes, misterio, segredos... e, sobre todo, do (co centos de aspas) "magnífico" final que pecha a trama. É un desenlace sacado da manga pola autora, que non ten ningún sentido porque: 

  1. Que se levara a cabo ese acto, é absurdo. Uns rapaces de esa idade por moito alcol que consumiran dudo que fixeran semellante cousa e, ademais, desa forma tan, digamos, desorganizada.
  2. Dásenos unha explicación, en teoría, convincente, para que se fixese ese "acto", a cal entendo e ten certo sentido, pero que non acaba de explicalo. Uns nenos desa idade non chegarían a semellante conclusión e, dubido que quixesen facer "iso" se significaba perder o nivel de vida que levaban ata entón, alto e cheo de comodidades.
  3. Cóstame crer que o "acto" provocase a pérdida de memoria da protagonista.
  4. Ese feito inexplicable e "sobrenatural" ligado ao "acto" non ten ningún tipo de sentido nin pega co tipo de novela. Se fose provocado pola mente da protagonista, unha especie de secuela do "acto" ligada á perda de memoria e problemas mentais, pois aínda, pero presentándosenos ese elemento tan pouquíiiisimo creíble de repente...  
E podería seguir, pero penso que xa entendéchedes o que quería dicir e porque non me agradou o final. Non comprendo porque tanto hype con isto... 

En resume, unha novela entretida pero sen máis, cun 2´5 de 5 en Goodreads e sobra. Unha lectura para facer en duas horiñas como moito, como quen le unha revista na praia, pero sen ansias de ser a lectura da túa vida, aínda que haxa quen a adora... Un libro que esquecerei en pouco tempo.



1 comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...