22 de xul. de 2016

Reseña: Lugares Oscuros de Gyllian Flynn.

"Heridas abiertas" (o outro libro da autora) deixárame sorprendidísima e encantárame, pero sobre todo marcoume moito polo impacto que me causou, polo diferente que era ás demais novelas de misterio que lera, ao tratarse dunha moito máis adulta e dura, que me fixo sufrir e pasalo un pouco mal pero que á vez me pareceu marabillosa e moi boa, en dúas palabras, pola maneira tan perfecta de construír personaxes e tramas da autora, de forma que todo cobra sentido. Flynn é unha experta en crear personaxes. Tal como con Rainbow Rowell falaba de que crea novelas basadas en personaxes e non tanto en tramas ou accións, Gyllian Flynn leva isto a outro nivel, desenvolvendo de maneira perfecta unha psicoloxía, carácter e forma de ser e pensar detrás de cada personaxe que coincide e se corresponde coas súas accións. É dicir, dependendo de onde, como, con quen, e en que circunstancias se criara unha persoa, iso fará que desenvolva unha serie de rasgos propios e accións.

Como dicía (antes de poñerme a fangirlear durante parágrafos...), tras descubrir a esta autora, desexaba ler algunha das súas outras dúas novelas traducidas xa ao castelán e como son un pouco rariña, decanteime por "Lugares Oscuros" (a tradución máis recente) en lugar de polo seu éxito nº1, "Perdida" (que espero comezar nos próximos meses, aínda que coñecéndome...).

O certo é que, como cabía esperar, me encantou, con todas as letras, porque cada páxina que lía só podía pensar: pero que bo é este libro!! Non só me gusta pola trama, pola historia, por ser novela negra ou calquera característica que puidera atraparme noutros libros deste estilo, senón porque me parece unha obra traballada, sen fallos, na que nada ocorre por casualidade. Como xa explicaba antes, todo nas súas tramas, esas acción tan escuras, macabras e terribles que me poñen os pelos de punta cando leo pola noite, non son escritas por casualidade ou para gustar, senón que cada unha delas ten unha razón de ser e a persoa que leva a cabo os asasinatos (en todas as súas novelas matan a alguén) o fai por algunha razón e dunha maneira que se corresponde a esta.

Este libro, nárranos a historia dunha familia estadounidense, os Day, que viven nunha granxa de Kansas, en quebra, a punto de afogar baixo o peso das débedas. Esta familia será visitada pola traxedia cando tres dos seus membros sexan brutalmente asasinados no que parece parte dun ritual satánico, sendo os únicos supervivintes Ben e Libby, irmáns de quince e sete anos. Esta última acusará a Ben de ser o autor dos crimes, pero máis dunha década máis tarde, as dúbidas sobre se de verdade era seu irmán a persoa que vira aquela noite non deixarán a Libby vivir libre de remordementos e, aínda que reacia, permitirá que unha serie de seguidores do chamado "Asasinato dos Day" a axuden a descubrir dunha vez por todas a verdade.

Como podedes ver, a trama semellaba interesante antes de abrir o libro e o certo é que o foi. Ao contrario que moitos autores do xénero, Flynn non segue un mesmo patrón para todas as súas novelas. Si que hai numerosas similitudes entre "Heriidas Abiertas" e "Lugares Oscuros", pero diferéncianse en diversos aspectos que fan a ambos libros únicos. Cada un deles segue un tema principal, por así decilo, sendo moi importante no primeiro deles o referente á cultura estadounidense dos pobos pequenos do sur do país, como a educación nos valores tradicionais pode marcar unha maneira de ser e comportarse que afecte incríblemente a unha persoa, e tamén nos problemas mentais e emocionais, que sofren varios personaxes da novela. Neste caso, "Lugares Oscuros" fálanos de algo semellante, de como a miseria, despreocupación por parte dos país e malas compañias fan que ven se vexa dentro de algo perigoso e enorme, de como o paso do tempo e os crimes afectan aos personaxes da novela e á súa saúde mental.

Unha das principais características que me agrada da autora, é o realismo presente nas súas obras. Ademais de que non ten pelos na lingua á hora de describir aspectos macabros, duros e desagradables, tampouco adorna as súas tramas e personaxes, ensinando todo como sería na vida real. Móstranos a alcolemia e as drogas, os abusos sexuais, a verdadeira maneira de actuar das persoas ante certas situacións e os pensamentos que lles rondan pola cabeza. Non sei como plasmar isto de forma concisa, pero digamos que todo o que pasa no libro, podería ser real, os personaxes poderían existir e nada e pouco creíble, e crédeme que iso asusta, porque si de algo podemos etiquetar as novelas de Flynn é de pouco agradable e brutais.

Outro elemento que é novo, pois non está presente en "Heridas abiertas", son os saltos temporais. Neste libro nárrasenos o que realmente sucedeu no ano 1985 nesa fatídica noite e nas horas anteriores dende o punto de vista de Penny Day e Ben Day intercalándose cos capítulos que nos falan da vida actual de Libby e do desenvolvemento das súas pesquisas. Isto aplícase de forma maxistral, pois os capítulos do pasado que vamos lendo van tendo unha relación cos descubrimentos presentes das seguintes páxinas. Ademais, está moi ben racionado para que non sepamos demais ata o momento no que todo se descubre ao final, mantedno a intriga. Tamén relacionado co paso do tempo e co desenrolo de personaxes que dicía, é moi interesante o ver como cambian as persoas dende o 1985 ata o ¿2009? véndose influídos polas circuntancias e marcados polos crimes e sucesos que desencadearon. Ademais, todos seguen a ser como eran, non cambiaron en esencia a súa maneira de actuar.

O meu personaxe preferido foi sen dúbida Diondra, completamente complexa e desequilibrada pero á vez apasionante. Recordoume en certo modo á irmá da protagonista de Heridas Abiertas, e creo que se léchedes ambas novelas me comprenderedes.

Se me gustou esta lectura máis qe a do anterior libro da autora? Non podería aseguralo... Púxenlle máis puntuación en Goodreads (5/5) porque me encantou e me fixo sufrir menos que Heridas abiertas (non aparecían agullas, pinchos etc #trauma) pero o tratar a cultura sureña e tradicional estadounidense foi un tema que me ancantou co cal... Prefiro non pronunciarme ao respecto.

En resume, unha novela magnífica, dura, macabra, intelixente e non apta para todos os estómagos. Un 5/5 en Goodreads porque é moito máis que unha historia de misterio que xoga co psicolóxico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...