20 de ago. de 2016

Reseña: La Casa de las Olas de Jojo Moyes.


“Sometimes she wondered how it were possible to be so far from the sea and still feel as if she were drowning.” 
"En ocasións, ela preguntábase como era posible estar tan lonxe do mar e seguir sentindo como se afogara" 



Ultimamente non estaba lendo moito debido ao bloqueo lector que me acompaña e que vai cumprir un ano pero que creo que conseguín vencer grazas ás lecturas tan marabillosas que estou levando a cabo nos últimos meses. Debido ao bloqueo, procurei ler tan só aquelas novelas que me apetecesen moito e seguir os meus antollos literarios, polo que cando comecei a sentir que desexaba un libro que se desenvolvese nun pasado recente (século XX en xeral, en calquera das súas décadas) seguín o meu instinto e comecei con "La Casa de las Olas", bet-seller cuxa trama prometía e moito e parecía da clase de libro que me apasiona.

Non foi ata máis tarde, un cuarto de novela aproximadamente, que me decatei de que a autora da obra era Jojo Moyes, escritora moi popular e moi nomeada ultimamente grazas ao seu último éxito (que non lin e non me chamaba en exceso ata que me vin atrapada por "La Casa de las Olas"), "Yo antes de ti".

"La Casa de las Olas" sitúanos na década dos 50 nun pobo costeiro inglés, Merham, onde Lottie, unha xoven londiniense, convive cunha familia do máis tradicional que aceptou refuxiala na súa casa dada a gran amistade entre ela e Celia, filla da súa idade, ata que remate a Segunda Guerra Mundial. Cando isto ocorre, permítenlle que permaneza alí, na paz e tranquilidade de Merham, tan só interrumpida pola recente chegada dun grupo de bohemios, artistas de diferentes nacionalidades e sen ningún rasgo en común cos habitantes do pobo. Lottie e Celia entrarán en contacto con eles e aprenderán a ver a vida dunha forma distinta, véndose ademais envoltas en outras complicacións e dramas coa chegada dun xoven a Merham.

Esta novela ENCANTOUME. Así sen máis e con todas as letras. Pode que non sexa o libro do século nin da década pero é terriblemente doce, agradable, bonito e á vez pregado de sucesos que enganchan.

O seu estilo recórdame en certo modo ao de "Tomates verdes fritos" ou "Anna de las Tejas Verdes", non por nada en concreto, senón pola forma de contarnos unha historia centrándose nos sentimentos e nas emocións dos protagonistas narrados de forma doce e agradable. O termo perfecto para describilo sería "heartwarming" que non é traducible ao galego, pero vós entendédesme.

Tamén se asemella ás novelas anteriormente mencionadas no feito de que conta a historia a través de moitos anos, ao longo dunha vida enteira, de maneira que non se enfoca nun suceso concreto senón que o eixe ao redor do que xira a trama é simplemente a vida, neste caso, de Lottie e a da casa que da nome á novela.

Aínda que a diferenza está en que en "La Casa de las Olas" ten moitos outros temas a maiores que completan esta trama. En apariencia, pode parecer unha novela sinxela e sen demasiada complicación, pero é realmente completa e conta con infinidade de elementos ben unidos e atados. A evolución de Lottie como persoa é perfecta. Poderíamos pensar que nesta novela non hai tempo para a profundidade dos personaxes, pero nada máis lonxe. Neste sentido podemos atopar uns tintes ao Jane Austen, quen adoita priorizar os pensamentos e sentimentos ante as accións, pero dunha forma moito máis agradable á desta autora dende a miña sincera opinión, pois non recae nun aburrimento pola falta de acción, senón que intercala ambos.
Jojo Moyes tamén incorpora ao libro a presenza dos "bohemios", duns personaxes moi diferentes para a época, (sobre todo nun pobo pequeno) que revolucionarán as ideas de Lottie e lle abrirán os ollos. Parecéronme marabillosos e apasionantes, só o ler sobre eles me mantiña interesada. de maneira que hai unha gran variedade de persoas que interveñen na novela, ningunha plana ou de recheo.

Como vos digo, a novela é increíble, completando elementos nunha unión perfecta (bo estilo narrativo, múltiples personaxes ben desenvolvidos, tramas orixinais, efecto heartwarming, historia que engancha) e hai unha última peza clave: o salto temporal.

No medio da novela, xusto tras un suceso impactante e sen previo aviso, prodúcese un avance na novela á actualidade, saltando polo tanto uns 50 anos, e preséntansenos novos personaxes, novos dramas, novas historias etc pero sen perder as semellanzas en estilo e elementos coa trama anterior.

Pero tranquilidade, non perderemos de vista aos habitantes de Merham dos anos 50 nin desaparecerá calquera conexión con esa historia: a "Casa das Olas" segue ahí e será o eixe ao redor do que xiren todos os acontecementos, pasados e futuros. A historia no S.XXI fíxoseme moi rara ao principio, non entendía nada, non coñecía a esas persoas das que se me falaba e non me interesaban, eu só quería saber que ocorría despois da última frase que Moyes escribira acerca de Lottie, e probablemente a todos nos ocorre o mesmo, pero tranquilos, porque a partir dese punto non tardaredes en collerlle o mesmo cariño ás novas protagonistas que aos antigos e en vervos envoltos nos seus problemas. Ademais, as nosas dúbidas sobre cal foi o futuro de Lottie e compañía serán resoltas de maneira sublime, diferente e sorprendente.

Outro punto forte da novela é a forma de unir historias en apariencia que nada teñen que ver de maneira perfecta. Cando vin que todo conectaba, tiña sentido e souben os verdadeiros acontecementos nas vidas dos personaxes, non puiden conter a emoción nin deixar de ler; foi como quitar unha máscara dos meus ollos.

É unha novela perfecta. É agradable, bonita, ben narrada e construída e consegue facerse un sitio nos nosos corazóns, sen por iso resultar pesada ou pouco emocionante. Un enorme 5/5 en Goodreads e unha praza directa no Top das Mellores Lecturas do ano 2016. Marabilloso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...